Poio expedienta á empresa Valoriza, responsable da recollida do lixo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio abriu un expediente á empresa Valoriza, concesionaria do servizo de lixo desde hai seis meses, por incumprimento dos prazos de entrega da nova maquinaria.
O goberno local contratou por 13.000 euros á firma Into Consulting para que verificase o cumprimento de contrato, e o informe desta auditora confirma as graves anomalías constatando que Valoriza apenas investiu 160.000 euros do 1.100.000 euros comprometidos.
A consultora advirte de que un 85% do investimento comprometido por contrato está pendente de execución e que as irregularidades da concesionaria impiden comprobar o cumprimento en materia de emprego e material.
Entre outros investimentos, Valoriza comprometeuse por escrito a substituír os colectores e os camións de recollida por outros novos de carga lateral, así como dotar ao municipio de colectores de restos de poda, nun prazo máximo de catro meses. Ademais, tampouco prestan outros servizos comprometidos, como a recollida de cartón, poda, ou verteduras incontroladas, e incumpren as frecuencias de retirada de distintos residuos.
O grupo municipal do Partido Popular xa esixiu a convocatoria da mesa de contratación para "revisar a polémica concesión" e aseguran estar dispostos á "imposición de sancións ou mesmo a resolución do contrato".
Mentres que desde o goberno local sinalan que o expediente aberto a Valoriza "podería concluír con sancións". Nestes momentos o proceso esta en fase de alegacións para que a adxudicataria do servizo presente os seus argumentos.
Relacionadas:
-
O PP denuncia que camións de lixo de Poio prestan servizo noutros municipios
Por Redacción |
-
Valoriza convoca aos traballadores do servizo do lixo en Poio para negociar o convenio
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores do lixo en Poio anuncian concentracións e ameazan con folga
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O PP de Poio solicita un plan específico de recollida de lixo para o casco histórico de Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
Valoriza asume a limpeza e recollida de lixo en Poio con 13 traballadores e catro máis de reforzo no verán
Por Alejandro Espiño |