Os traballadores de Elnosa poñen en marcha unha cabalgata de "Reis Malos"
Por Anxo Lourido
Nestas festas do Nadal de 2015, Pontevedra contará con dúas cabalgatas de Reis. Ademais da tradicional, os traballadores de Elnosa decidiron levar a cabo unha cabalgata reivindicativa que se desenvolverá o luns 4 ás 18.00 horas polas rúas de Pontevedra.
Os representantes do comité de empresa a través do presidente, Avelino García, e o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, anunciaron este acto que ten como obxectivo seguir reclamando a continuidade da electroquímica na súa actual localización en Lourizán. Avelino García explicou que participarán familiares dos traballadores nesta iniciativa e que os tres reis da cabalgata serán "Malos". Desta forma, lucirán as caretas do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e dos concelleiros Carme da Silva e César Mosquera.
A caravana comezará na avenida de Vigo e circulará por Fernández Ladreda, Manuel do Palacio, Corbaceiras e a Alameda. Alí, as "malignas maxestades" coa súa comitiva percorrerán a pé o último tramo ata a praza da Peregrina. Xunto aos Reis, un grupo de gaitas amenizará o desfile e levarán unha góndola como carroza ademais de cabezas tractoras desde as que se repartirán máis de 100 quilos de caramelos.
Con este acto, os traballadores queren reflectir o temor sobre o seu futuro e o das súas familias se desde o goberno local continúa impulsándose a marcha de Elnosa. Avelino García insistiu en que van facer todo o posible para que este conflito se solucione e concluíu "se Ence queda, nós tamén".
O presidente do comité indicou que a finais de novembro, o máximo accionista da empresa, José de Mello, visitou as instalacións para manifestar que a partir de 2016 queren trasladar aos cidadáns e aos medios de comunicación o seu proxecto de futuro en Lourizán.
José Luis García Pedrosa criticou a actitude do goberno de Fernández Lores por manter un discurso de hai "30 anos" e engadiu que non hai razóns ambientais para que a empresa teña que deixar a súa actual localización. Sinalou que "isto non é Tafisa" e que se organizarán as mobilizacións necesarias para manter os postos de traballo.
Relacionadas:
-
As paxes dos Reis Malos de Elnosa deixan carbón diante do Concello
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Supremo desestima o recurso de casación de Elnosa para evitar o seu cesamento de actividade
Por Diego Espiño |
-
Traballadores de Elnosa concéntranse no Pazo aproveitando o Encontro Galego-Portugués de Química
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O comité de empresa de Elnosa acusa a Lores de mentir sobre o que precisa a fábrica para seguir na ría
Por Anxo Lourido |