Unha das dúas acusadas do crime de Chancelas pide saír de prisión ata o xuizo, á outra tanto lle ten
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Rocío Gondar González e Albertina Táboas Fernández chegaron este martes, pouco antes das 11.30 horas, ao edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra na rúa Rosalía de Castro. Fixérono en dous vehículos policiais diferentes, unha delas esposada e comendo un Chupa Chups, a outra coas mans libres porque camiñaba usando unha muleta. Son as dúas acusadas do crime de Secundino P.A. en Chancelas en febreiro de 2014 e acudían para que se revisase a súa situación actual, en prisión provisional desde a súa detención.
A vista de revisión da prisión celebrouse a porta pechada ante o tribunal da Sección Segunda coa presenza das dúas procesadas, os seus avogados defensores, o avogado da acusación particular e a fiscal do caso, Carmen Novo. Non hai aínda resolución, pero si transcendeu que mentres a defensa de Rocío Gondar pediu que non se prorrogase a súa situación de prisión provisional para que puidese esperar en liberdade a celebración do xuízo por asasinato, a da outra procesada non se opuxo a que a Audiencia determine que debe seguir entre reixas ata ese día.
Durante a vista, celebrada no segundo aniversario do crime, a Fiscalía e o avogado da acusación pediron ao tribunal que si que prorrogue a súa situación de prisión, pois entre outros motivos, faltan tan só dous meses para a celebración do xuízo e ven que existe un elevado risco de que tenten fuxirse da Xustiza. Lembran que unha delas, Rocío Gondar, foi detida cando estaba a preparar unha viaxe á República Dominicana. Ademais, cren que, dada a elevada condena á que se enfrontan, hai máis motivos para que non saian libres antes de que lles xulgue un xurado popular no mes de marzo.
O crime produciuse na madrugada do 2 ao 3 de febreiro de 2014 ás portas da casa de Secundino P.A. en Chancelas. O ancián, de 84 anos, morreu presuntamente tras recibir fortes golpes na cabeza cunha tixola e un bastón. As acusadas estaban na súa casa porque Albertina Táboa era a súa coidadora e Rocío Gondar unha amiga súa que a acompañaba alí para pasar a noite. Presuntamente esperáronlle nos accesos á casa e golpeáronlle ata matarlle. O home tentou alertar de que lle estaban asasinando e empezou a gritar, pero, para que se mantivese calado, as dúas presuntas homicidas metéronlle un pano na boca.
Por este crime tamén foi detido inicialmente un home, un veciño de Monte Porreiro que presuntamente mantiña unha relación sentimental cunha das dúas acusadas no momento do crime, pero hai escasos meses o Xulgado de Instrución 2 de Pontevedra decidiu levantarlle a imputación e xa non deberá comparecer en calidade de imputado ante o xurado popular que xulgará os feitos. Este xoves, con todo, el tamén volverá á Audiencia, no seu caso, porque pide que o arquivo provisional da causa sexa definitivo.
Relacionadas:
-
A Garda Civil atopou roupa con sangue de Secundino na casa das dúas acusadas
Por Alejandro Espiño |
-
Gravacións do 112, Policía Nacional e Garda Civil botan luz sobre o crime de Chancelas
Por Alejandro Espiño |
-
Foron unha ou dúas persoas as que mataron a Secundino en Chancelas?
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Xulgan as dúas mulleres acusadas de ter asasinado en Chancelas un ancián pola herdanza
Por Redacción |
-
As acusadas polo crime do ancián de Chancelas, ante o tribunal dous anos despois
Por Natalia Puga |
-
Os detidos polo crime de Chancelas volven ao xulgado e a fiscal pide máis datos sobre o testamento
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Contradicións horarias e o tráfico dos seus teléfonos puxeron sobre a pista dos detidos do crime de Chancelas
Por Natalia Puga |
-
Prisión para as dúas mulleres detidas polo crime de Chancelas e liberdade para o seu presunto colaborador
Por Natalia Puga | Creada e actualizada