Estudan ampliar a toda a rúa a reforma prevista na avenida Luis Rocafort
Por Redacción
No lugar de limitar a reforma a uns 600 metros, como estaba previsto inicialmente, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo estudan ampliar o ámbito de actuación na avenida Luis Rocafort a toda a estrada.
Esa foi unha das cuestións tratadas na reunión mantida entre o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita.
O encontro serviu para analizar o proxecto de urbanización tras detectar varias deficiencias da actuación prevista, recollidas nun informe encargado á concesionaria do servizo de augas, que indicou a existencia de zonas nas que as canalizacións soterradas teñen danos importantes que precisarían de renovacións e obras a medio prazo.
Tamén se pretenden incluír nas melloras as cesións conseguidas polo Concello de Sanxenxo, que permitirán construír beirarrúas de dimensións correctas para garantir unha mobilidade peonil segura, cómoda e de calidade.
Segundo explicou Pita, no mes de xullo o concello soubo que as beirarrúas proxectadas "non gardaban aliñación e non contemplaban servizos en todo o trazado", polo que a partir de entón iniciáronse as xestións cos propietarios para que cederan terreos a ambos lados e poder facer unha reforma global. A excepción da fronte dun edificio, están xa todas apalabradas.
En canto á conexión de Luis Rocafort coa estrada PO-308, o goberno local de Sanxenxo desbotou a posibilidade de executar un túnel por consideralo ineficaz para resolver a conxestión de tráfico que se rexistra nesta estrada no verán. Esta decisión é compartida pola deputación provincial.
Os técnicos provinciais tamén pretenden incorporar outras melloras que garantan a accesibilidade universal.
A intención é que a obra na rúa se acometa nunha única fase, sen deixar treitos sen executar. Agora, buscaranse os mecanismos para poder cumprir estas propostas e dar unha solución o máis pronta posible á situación para iniciar as obras.
Unha vez rematada a urbanización, esta estrada pasará a ser de titularidade municipal, motivo polo que o Concello de Sanxenxo manifestou o seu interese en que a obra se faga "coas maiores garantías na totalidade do seu trazado, coa urbanización do cen por cento e coa substitución das tubaxes, que tampouco estaba contemplada".
Relacionadas:
-
A voltas coa avenida Luis Rocafort, o PP de Sanxenxo exerce de Santo Tomás
Por Redacción |
-
Setecentos metros cadrados de cesións altruistas dos veciños mellorarán a actuación en Luis Rocafort
Por Redacción |
-
Carmela Silva asegura que o proxecto de Luís Rocafort non se axustaba ao Plan Xeral de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Telmo Martín ve ao cuatripartito de Sanxenxo "despistado, superado pola realidade"
Por Oskar Viéitez |
-
Louzán presenta a actuación da Avenida Luis Rocafort en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Dragados urbanizará a Avenida Luis Rocafort por un millón de euros
Por Redacción |