Así reparte a Deputación 9 millóns de euros en menos dun mes
Por Oskar Viéitez
O goberno da Deputación de Pontevedra aprobou en menos dun mes máis de 9 millóns de euros destinados aos concellos da provincia de Pontevedra para financiar o emprego, as actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais e o financiamento do gasto corrente.
Todas estas axudas enmárcanse dentro do Plan Concellos, o novo modelo da institución provincial que supón unha transferencia de 40 millóns de euros que a Deputación pón a disposición dos 60 concellos da provincia.
Este plan repártese en 16 millóns de forma lineal entre os concellos da provincia, de xeito que a cada un lle corresponde unha cantidade fixa de 266.666,67 euros. A cantidade restante, 24 millóns de euros repartiranse atendendo a tres criterios: a poboación de cada concello (o 60%), a súa superficie (20%) e os seus núcleos de poboación (20%).
CATRO LIÑAS DE AXUDA E TRES VARIABLES
O plan marca catro liñas de axuda: axudas para inversións, axudas para afrontar necesidades de gasto corrente, axudas para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais dos concellos, e axudas para financiar o emprego
En canto as axudas para o emprego, destinadas ao financiamento das contratacións que fan os concellos (Liña 4 do Plan), dende o comezo do ano o goberno provincial aprobou un total de 7,5 millóns de euros que benefician a 52 concellos para financiar a contratación de 1.033 traballadores.
O 29 de xaneiro aprobouse a primeira relación de subvencións a 38 concellos para contratar a 729 traballadores por case 5 millóns de euros. O 5 de febreiro a Xunta de Goberno aprobou a segunda relación de axudas para a contratación de 196 persoas en 9 concellos da provincia, por valor de 1.731.669,32 euros. E este venres, 12 de febreiro, aprobouse a terceira relación de axudas por importe de 730.000 euros para outros 5 concellos. Neste último caso, son os municipios de Cangas, Cuntis, Moraña, Mos e Salceda de Caselas que poderán afrontar a contratación dun total de 108 traballadores.
En canto as axudas para financiar actividades dos concellos (Liña 3), o pasado venres o goberno de Carmela Silva aprobou a primeira relación de subvencións. Son 350.590 euros para que 19 concellos da provincia de Pontevedra poidan financiar actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais.
Finalmente, en canto as subvencións para o gasto corrente dos concellos (Liña 2), o goberno aprobou no que vai do ano máis dun millón cen mil euros que benefician a 13 concellos da provincia. A última relación de axudas aprobouse o pasado venres pola Xunta de Goberno, entre ellos 65.241 euros para o Concello de Meis.
Relacionadas:
-
Os concellos da provincia solicitan máis de mil lombos á Deputación
Por Redacción |
-
Un total de 20 concellos sumáronse ao Plan Compostaxe "Revitaliza" da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobada a primeira fase de axudas da Deputación aos concellos para a contratación de traballadores
Por Redacción |
-
A Deputación inviste máis de dous millóns de euros en 200 bolsas de emprego nos concellos
Por Redacción |