Fiscalía pide dous anos de prisión para unha muller por romper o nariz a outra na Festa da Auga de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
No banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra sentará este martes 12 unha muller por supostamente agredir a outra na Festa da Auga de Vilagarcía.
No escrito de acusación do Ministerio Público apunta que os feitos que se van xulgar ocorreron o pasado 16 de agosto de 2012 cando a acusada R.E.F., maior de idade e sen antecedentes penais, sobre as tres da madrugada, localizou na rúa a U.G.A. e "animada pola intención de menoscabar a integridade física" propinoulle varios golpes coa man na cara.
Como consecuencia, U.G.A. sufriu fractura dos ósos propios de nariz, "con pirámide nasal lixeiramente desprazada á dereita e subluxación de incisivo superior esquerdo con lixeira mobilidade de grao dous".
Por esta agresión U.G.A. foi intervida cirurxicamente e quedáronlle como secuelas unha "lixeira mobilidade" de un dente e un "prexuízo estético lixeiro", consistente nunha "mínima desviación de punta nasal á dereita".