Pontevedra pide á Xunta unha senda ciclista na estrada vella a Marín
Por Alejandro Espiño
Actuacións en sete estradas diferentes ten solicitado o Concello de Pontevedra á Xunta de Galicia dentro do Plan de Fomento da Mobilidade Sustentable que puxo en marcha o goberno galego para habilitar sendas peonís ou ciclistas en viais de titularidade autonómica. E unha delas busca, principalmente, resolver unha vella demanda na cidade: unha senda ciclista na PO-546, a estrada vella a Marín.
Segundo explicou Demetrio Gómez Junquera, o Concello suxire á Consellería de Infraestruturas e Vivenda que se estude a implantación desta senda desde Rosalía de Castro ata a rotonda de acceso ao porto de Marín dando o "elevado" número de ciclistas que utilizan este viario e a recente prohibición para circular pola PO-11 e a PO-12, coñecida popularmente como a autovía de Marín.
Esta senda iría, segundo a idea achegada polo goberno municipal, pola marxe dereita da calzada en sentido Marín. Ademais, solicitan que vaia acompañada por outro tipo de medidas para favorecer o tránsito peonil en todo este ámbito, como a limitación de velocidade a 30 km/h, a instalación de lombos, ou a creación de novos pasos peonís nas zonas máis urbanas como Rosalía de Castro e Vos Praceres.
O coordinador do Rural explicou que, con respecto á PO-542 entre Bora e O Pino, o Concello solicita que se amplíe o tratamento con beirarrúas ata O Marco, que se reforce a mobilidade peonil na contorna da Casa da Cultura e a igrexa de Marcón, onde existe tan só un paso de peóns pouco visible e os coches circulan a gran velocidade, e no acceso ao lugar do Carrasco, onde se sitúa o colexio ou o campo de fútbol.
Na PO-532 entre a avenida de Lugo e o primeiro tramo da estrada a Ponte Caldelas, o goberno municipal suxire a instalación de beirarrúas en ambos os lados da vía e novos pasos de peóns; unha actuación similar á solicitada para a PO-223 entre Lérez e o acceso a Campo Lameiro que, debido a que cruza por lugares moi transitados, debería acompañarse coa limitación de velocidade a 30 km/h e pasos sobre elevados.
O Concello pide á Xunta que actúe tamén na PO-531 entre Pontevedra e Baión, adoptando medidas de acougado de tráfico que faciliten a mobilidade peonil, ao ser unha zona con notable uso residencial, comercial e industrial; na PO-225 entre Alba e San Caetano, que carece actualmente de beirarrúas; ou na PO-224 entre Bora e San Antoniño, onde se cruzan varias sendas, non hai beirarrúas e é necesario remodelar a intersección cara a Xeve e Verducido.
Pontevedra remitiu todas estas actuacións á Xunta a pesar de que, segundo Demetrio González, aprecian "certo tinte electoral" neste plan autonómico.
Relacionadas:
-
Pedaladas pide que a estrada vella de Marín teña sentido único para coches e dobre sentido para ciclistas
Por Redacción |
-
A Xunta estuda a cesión parcial ao Concello da estrada vella de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local apoia a conversión en paseo ciclista dun carril da autovía de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A senda do Lérez ampliarase ata o río Almofrei
Por Alejandro Espiño |
-
Empezan as obras da senda peonil e ciclista que conecta Soutullo e A Lanzada
Por Redacción |
-
Dúas sendas na PO-308, Covelo- Raxó e Portonovo-A Lanzada, incluídas no plan da Xunta
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide á Xunta que habilite tres novas sendas peonís
Por Redacción |
-
Marín solicita á Xunta a creación de sendas peonís en Seixo, Lapamán e Pardavila
Por Redacción |