Inician unha campaña contra o abandono de cans porque "está na túa man"
Por Diego Espiño
O Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) que xestiona a Deputación na Armenteira acolle actualmente a 600 cans abandonados. Todos eles buscan un fogar, por iso desde a institución provincial impulsan unha campaña contra o abandono de animais e coa intención de fomentar a adopción.
"A súa educación é máis fácil e teñen un carácter máis predicible", sinala a deputada Eva Vilaverde sobre os cans xa adultos que acollen na instalación e que teñen máis complicado atopar fogar en comparación cos cachorros, máis demandados.
"O que buscamos con esta campaña é a educación e a sensibilización da sociedade para que non se produzan abandonos", recoñece. Por iso dirixiranse á "poboación máis receptiva", os nenos e adolescentes, que poden exercer unha influencia positiva nas súas familias. Desta forma repartiranse 10.000 carteis e 30.000 trípticos informativos en centros educativos e concellos.
'Está na túa man. Adopta', reza o lema da campaña, que lembra que os custos da adopción son gratuítos e entrégase ao can "identificado e vacinado". Ademais inciden en que se trata dun xesto que mellorará a vida do animal pero que tamén "incrementa a felicidade das persoas propietarias".
Todos os datos sobre a campaña e tamén sobre as historias de cada un dos cans acollidos no CAAN poden consultarse na súa páxina web www.caan.depo.es.
Toda axuda é pouca para reducir unha cifra que resulta escandalosa, unha media de sete abandonos diarios na provincia de Pontevedra, e é que só desde a súa entrada en funcionamento, en 2013, o Centro de Acollida de Animais Abandonados da Armenteira recolleu máis de 4.000 animais.
Relacionadas:
-
O CAAN recuperou 900 cans na provincia durante este ano
Por Redacción |
-
A canceira provincial atende unha media anual de 50 animais maltratados
Por Oskar Viéitez |
-
Propoñen cambiar o modelo de macrocanceira do CAAN e crear políticas provinciais contra o abandono animal
Por Redacción |
-
Abandonan con graves feridas un can ao que obrigaban a participar en pelexas
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación estudará a colaboración con entidades privadas para atender aos cans abandonados
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A canceira de Poio estrea novas casetas
Por Redacción |
-
Sete abandonos diarios, media de actuación da canceira provincial
Por Redacción |
-
Anxo, o primeiro can acollido en Armenteira, atopa unha familia despois case tres anos
Por Redacción |