Un coche da Policía Nacional esnaquiza unha pasarela peonil en Vilagarcía
Por Redacción
Un coche patrulla da Policía Nacional esnaquizou a pasarela peonil de madeira que une o parque da Xunqueira coa cidade de Vilagarcía.
Segundo relataron testemuñas presenciais, este domingo, sobre as nove da mañá, os axentes accederon co seu vehículo á pasarela sobre o río do Con desde a zona tamén peonil do parque. Unha ponte que termina con escaleiras e unha pequena rampla para persoas con mobilidade reducida.
Co peso do coche patrulla romperon as táboas da pasarela atrapando as rodas.
Desde a Policía Local vilagarciá sinalaron ao descoñecemento da cidade por parte dun axente recentemente destinado en Vilagarcía como a causa deste descoido.
Non é a primeira vez que ocorre un contratempo similar xa que o pasado 19 de maio, a furgoneta dun feirante que montaba o seu postos no mercadillo na Xunqueira esnaquizou varias táboas despois de acceder á pasarela.