O Concello non admite a trámite a solicitude do PERI de Elnosa e insiste en que está fóra de ordenación
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra decidiu inadmitir a trámite a solicitude da empresa Elnosa para aprobar o plan especial de reforma interior (PERI) da fábrica de Lourizán e, desta forma, poder manterse na súa actual localización. Sostén a administración local que a firma cloreira non presentou toda a documentación necesaria e a solicitude presentada non se axusta á ordenación.
Segundo informou o portavoz do goberno local, Raimundo González, o asunto abordouse na Xunta de Goberno local deste luns. O Concello xa advertira que a solicitude de Elnosa non incluía todo o ámbito no que se integra en Lourizán, senón que se presentou un PERI exclusivamente para a súa área e non para todo o espazo, isto, é incluíndo á pasteira Ence. Agora, hase inadmitido de forma definitiva.
O motivo de inadmisión é, en concreto, que Elnosa non cumprimentou toda a documentación que se lle requiría. Déranlle un prazo de dez días para emendar esas deficiencias, pero nese tempo non se entregou toda a documentación necesaria, de modo que a solicitude se inadmite.
Ademais, Raimundo González lembra que esta solicitude presentada en xuño deste ano 2016 incumpre distintas normas, tanto o Plan Xeral de Ordenación Urbana como o Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio.
Tras este novo trámite, o goberno local reitera que "o que agardamos é que se vaia no 2018, cando se lle acabe a concesión" para permanecer en Lourizán, de modo que "poucas cousas hai que falar".