Unha visita técnica determinará se se pode retomar o centro social do Revel
Por Redacción
Operarios municipais procederon nos últimos días á limpeza da contorna perimetral do Centro Sociocultural do Revel, deixando ao descuberto toda a estrutura e a súa cimentación.
Hai uns días membros do goberno local, acompañados polos técnicos redactores do proxecto para a construción desta estrutura, procederon a unha inspección ocular da mesma para determinar o seu estado e decidir se é viable darlle continuidade á mesma.
A abundante maleza impedía a realización dunha revisión máis detallada, polo que está previsto que nos próximos días os técnicos volvan a O Revel, unha vez rozada a alta vexetación, para realizar as comprobacións pertinentes.
Trátase dun proxecto adxudicado en 2007 e no que gobernos anteriores xa se investiron ao redor de 500.000 euros.
A conclusión destas instalacións, ao longo da presente lexislatura, é a primeira opción que baralla o goberno local para resolver de forma definitiva a carencia dunhas instalacións sociais dignas para o seu uso por parte do tecido asociativo de Vilalonga, única parroquia de Sanxenxo que carece de dependencias municipais a disposición dos veciños.