Cotobade celebra a terceira edición da Festa do Caracol
Por Oskar Viéitez
O caracol vai camiño de converterse en prato típico do concello de Cotobade, xunto as filloas o requixón ou o petote.
O alcalde deste concello, Jorge Cubela, e a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, presentaron a III Festa Gastronómica do Caracol que se celebrará o vindeiro 14 de outubro na parroquia de Santa María de Sacos.
A relación entre este municipio pontevedrés e estes moluscos gasterópodos nace dende a instalación dunha empresa, Caracoles do Gallo, que exporta entre 9 e 12 toneladas o ano deste animal criado en Cotobade.
Según explicaron, os actos celebraránse a partir das 11 da mañá nun recinto que estará cuberto por unha carpa e no que, ademáis da degustación do caracol, se ofrecerá servizo de bar con racións de churrasco, callos, etc.
A festa está organizada pola Asociación de Amigos do Caracol que porá a disposición dos visitantes unha zona de aparcamento gratuita.
A celebración incluirá ración de caracol con pan, viño ou auga ao prezo de seis euros, prato incluido; ou ben ración de caracol ao alioli, tamén con pan, viño e auga, polo mesmo prezo.
Na festa, que chega á súa terceira edición, colaboran o Concello de Cotobade, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da súa denominación Galicia Calidade, e Caracoles do Gallo.
O alcalde Jorge Cubela sinalou que este tipo de festas gastronómicas, ademáis de ser un atractivo turístico, supoñen potenciar os recursos propios da localidade e fixar poboación. Nos últimos anos, esta festa gozou de gran éxito de participación polo que esta edición supón a consolidación definitiva da mesma.