Pontevedra acollerá un foro sobre o turismo accesible e sensitivo
Por Oskar Viéitez
Os próximos 1 e 2 de decembro de 2016, Proturga (Profesionais do Turismo de Galicia), celebrará no Auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe o seu IV Foro Experiencial, "Do Turismo Accesible ao Sensitivo" desde unha perspectiva innovadora e cun dobre obxectivo.
Por unha banda, pretenden transmitir a perspectiva humana do turismo accesible da man de profesionais e operadores turísticos que teñen experiencia no trato con persoas con diversidade funcional.
Ademais queren poñer o valor o traballo realizado polo profesorado e alumnado do CIFP Carlos Oroza nos últimos anos, en canto ao compromiso co turismo accesible e a capacidade creativa para deseñar experiencias turísticas baseada nos sentidos.
Proturga vén organizando outros talleres de turismo accesible e foros dirixidos a empresas do sector turístico que queiran mellorar ou adaptar os seus establecementos co propósito de facelos máis accesibles; a profesionais do sector que queiran mellorar a súa comunicación con turistas con discapacidade (auditiva, visual, física, etc) ou para estudantes ou outros profesionais do sector que estean interesados nesta temática.
Ademais da parte teórica, o foro contará con diferentes experiencias sensitivas organizadas polo alumnado e profesorado do CIFP Carlos Oroza.