Rafael Louzán sentará finalmente no banco por suborno polos baixos de Navia
Por Natalia Puga
O ex presidente da Deputación de Pontevedra e do PP provincial, Rafael Louzán, sentará finalmente no banco dos acusados da Audiencia Provincial ante un xurado para render contas por un presunto delito de suborno impropio polo proceso xudicial aberto por mor dos supostos sobrecustos nos alugueres de tres baixos e a zona de Navia, en Vigo.
O Xulgado de Instrución número 2 de Cambados acordou a apertura de xuízo oral contra Rafael Louzán por un delito continuado de suborno impropio; contra a súa esposa, Teresa Cores Fernández, por suborno impropio; e contra o ex deputado do PP na Deputación por Pazos de Borbén Severino Reguera Varela, no seu caso por un delito continuado de suborno pasivo.
O auto, dado a coñecer este mércores, sinala como órgano competente para o axuizamento ao tribunal do xurado da Audiencia de Pontevedra e contra o mesmo non hai posibilidade de recurso.
Louzán poderá chegar a ser condenado a unha pena dun ano de prisión en función do escrito de acusación presentado pola Fiscalía de Delitos Económicos, no que engade que debe ser condenado tamén á suspensión de emprego e cargo público durante dous anos e tres meses. De todos os xeitos, na actualidade, o procesado xa deixou todas as súas responsabilidades políticas e non ostenta cargos públicos.
O fiscal considera que a esposa de Louzán, Teresa Cores Fernández, é cooperadora necesaria para que o seu marido cometese o suborno pasivo, e pide que sexa condenada a nove meses de prisión e 14 meses de suspensión de emprego e cargo público. Severino Reguera pide que sexa condenado a un ano de prisión.
Os feitos dos que o acusa teñen a súa orixe no ano 2008, cando Louzán e Teresa Cores reservaron cinco locais na rúa Teixugueiras de Vigo e finalmente compraron tres por 460.122,5 euros e cederon a compra dos outros dous a Severino Reguera e a súa esposa. Para realizar a entrega inicial de diñeiro á empresa que lles vendeu os baixos, Severino Reguera prestoulles 103.748,42 euros.
O fiscal, Augusto Santaló, conclúe que Louzán e a súa esposa compraron os baixos sabendo desde o principio que o prezo de compra e a hipoteca ían ser pagados pola empresa dunha persoa que tamén exerce cargo político na Deputación e no PP e cuxa proxección económica depende de Louzán. Na súa opinión, trátase dun "trato de favor" de Severino Reguera a quen entón era presidente da Deputación e do seu partido froito dunha operación de compra inmobiliaria que "se planeou entre os señores Reguera e Louzán e a súa esposa".
Relacionadas:
-
O TSXG desinfla a acusación contra Louzán por suborno e fala dunha posible "vulneración do dereito á intimidade"
Por Natalia Puga |
-
O xuízo a Rafael Louzán por suborno, pendente do TSXG
Por Natalia Puga |
-
A defensa de Louzán alega na Audiencia que o delito de suborno que lle atribúen está prescrito
Por Natalia Puga |
-
Louzán seguirá cobrando como asesor do PP a pesar de que será xulgado por suborno
Por Natalia Puga |
-
Louzán pide a baixa temporal como militante do PP
Por Natalia Puga |
-
Louzán vese vítima de "escarnio" e asegura que será xulgado por suborno "por ser quen fun"
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán, citado a declarar como investigado nun xulgado de Lugo por aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
"Creo sinceramente que este caso se existe é porque me chamo Rafael Louzán e fun presidente da Deputación"
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide un ano de prisión para Louzán por un delito de aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
Louzán presume no xulgado de Cambados de que foi "totalmente transparente" polos alugueres de Navia
Por Redacción | Creada e actualizada