Detido un mozo de 20 anos por vender haxix no ámbito da Praza das Regas
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron un mozo de 20 anos, acusado dun delito contra a saúde pública por vender haxix a pequena escala no ámbito da Praza das Regas, espazo urbano situado no barrio de Valdecorvos.
Segundo informou este corpo policial, no transcurso dun operativo de vixilancia de espazos públicos para combater o trapicheo e o consumo de drogas, unha patrulla observou dous mozos falando na praza. A eles achegáronse outros dous rapaces, un deles menor de idade, aos que lles entregaron dous obxectos envoltos en plástico.
Os axentes optaron por seguir aos dous mozos que recolleran o paquete, intervíndolles un envoltorio con dúas landras de haxix e un anaco pequeno de resina e outro con dúas landras e dous anacos de haxix.
Ambos foron identificados para tramitar contra eles a correspondente denuncia administrativa por tenencia de drogas na vía pública.
Tras ese trámite, os policías volveron ata a Praza das Regas, onde detiveron o rapaz que lles entregara a droga, acusado dun presunto delito contra a saúde pública na modalidade de venda de drogas.
A Policía Local recorda que os espazos de ocio, públicos ou privados, e os centros educativos son puntos de especial vixilancia contra a droga, ao producirse neles boa parte da vida dos mozos, a formación de grupos, o nacemento de situacións afectivas e o contacto con novas experiencias.
Relacionadas:
-
Detidas dúas persoas por vender droga no ámbito da Ferrería
Por Redacción |
-
Desmantelan un punto de venda de droga no río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local detén un mozo de 23 anos por traficar con haxix
Por Redacción |
-
Desarticulan un punto de venda de drogas achegado aos colexios de Campolongo
Por Redacción |