Pontevedra prorroga o contrato de Viaqua para o servizo da auga
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra, celebrada este luns 27 de febreiro, aprobou prorrogar o contrato de xestión indirecta do servizo de abastecemento de auga e saneamento. O actual contrato finalizaba este martes 28 de febreiro.
Segundo informou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, están a completarse todos os trámites para elaborar os pregos de condicións para sacar a licitación este contrato e ao mesmo tempo estase elaborando o regulamento de servizos. "Neste momento xa está terminado o regulamento do servizo de saneamento" coa pretensión de que no novo contrato vaian todas as cuestións relacionadas co ciclo da auga.
"Dado que o Estado sacou un regulamento para fixar as cláusulas de revisión dos contratos, o expediente para fixar esa cláusula de resolución vai durar polo menos tres meses, co cal necesitamos prorrogar o servizo de abastecemento e depuración ata que entre en vigor o novo contrato ou, na peor das hipóteses, ata o 20 de febreiro de 2018", explicou González Carballo.
É dicir, como moito sería unha prórroga dun ano aínda que a idea do goberno local é que sexa "o menor tempo posible" co horizonte fixado "no último trimestre deste ano como moi tarde".
Raimundo González defendeuse das críticas da oposición ante esta moratoria dunha adxudicación outorgada por 20 anos en 1997 sinalando que "cambiou moitísimo a lexislación" e apuntou que os técnicos municipais levan máis de 9 meses traballando neste contrato, no regulamento do servizo tanto de auga como de saneamento, nos pregos de cláusulas administrativas, o plan de explotación e demais. "Hai moitísimo andado", comentou.
"Nós tiñamos previsto que neste mes saíse a licitación pero foi agora nestes días cando saíu esta nova normativa que non só paraliza o de Pontevedra", advertiu o portavoz municipal.
"Fomos previsores, pero cambios lexislativos obrigáronnos a pospoñer a licitación deste contrato" insistiu Raimundo González. "Non houbo ningún abandono por parte do Concello senón todo o contrario".
Relacionadas:
-
Completar o saneamento e o abastecemento de auga no rural, cifrado en 56 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Viaqua certifica o seu compromiso co Medio Ambiente
Por Redacción |
-
O PP di que o 2016 foi "o peor ano económico para Pontevedra dos últimos 17"
Por Oskar Viéitez |
-
Jacobo Moreira cre que "o PSOE é prisioneiro da connivencia que tivo no pasado co BNG"
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas esixen o cesamento de Raimundo González como concelleiro de Facenda
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello non prorrogará o contrato de Viaqua para sacar unha nova concesión do servizo de auga
Por Redacción |
-
Rescatará Pontevedra os servizos de auga e recollida de lixo?
Por Alejandro Espiño |