Denunciado por usar de forma fraudulenta o cartón de estacionamento para persoas con discapacidade da súa irmá
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra denunciou un home de 36 anos por usar de forma fraudulenta un cartón de estacionamento para persoas con mobilidade reducida que en realidade era da súa irmá, pero el empregaba de forma diaria nas rúas Xoán Carlos I e Maruja Mallo.
Segundo informou a Policía Local, o home ía cada día ao seu traballo en coche e adoitaba aparcar nunha das prazas de estacionamento resevadas para persoas con discapacidade da rúa Xoán Carlos I. No caso de que non houbese sitio, estacionaba nunha praza igualmente sinalizada na rúa Maruja Mallo.
A Policía fíxolle un seguimento durante varios días e comprobou que tanto cando saía da casa como cando estacionaba e collía o coche de novo ía só, isto é, non trasladaba a ningunha persoa con discapacidade. Para poder estacionar utilizaba un cartón acreditativo, pero a Policía Local comprobou que estaba a nome da súa irmá, de modo que estaba a facer un uso fraudulento.
Unha vez terminadas as investigacións, sobre as 15.20 horas deste luns 27 de marzo os axentes identificárono cando estaba a realizar un destes usos fraudulentos e formularon unha denuncia administrativa contra el por estacionar nun lugar prohibido.
Ademais, interviñéronlle o cartón e preguntáronlle o motivo de que a usase. El explicou que non estaba ao tanto da normativa sobre o uso destes cartóns e o organismo emisor da mesma non lle explicou as normas. Ademais, explicou que o cartón era da súa irmá, que nin sequera ten carné de conducir.
Por mor deste novo caso, a Policía Local lembrou que realizan un seguimento continuo do uso destes cartóns de estacionamento e as denuncias formuladas polo uso non autorizado das 200 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida en Pontevedra supoñen o 1,32 por cento do total das tramitadas.
En concreto, no ano 2016 formuláronse por esta irregularidade 165 denuncias do total de 12.656 emitidas. É o número máis baixo do últimos seis anos, pois en 2011 realizáronse 399 e a cantidade foi descendendo progresivamente a 390, 385, 298 e 210 en 2015.
Relacionadas:
-
Denuncian un turista andaluz por aparcamento fraudulento en prazas para persoas con discapacidade
Por Natalia Puga |
-
'Cazan' unha moza sen problemas de mobilidade aparcando en prazas de discapacitados para ir o ximnasio
Por Redacción |
-
Denunciada por aparcar en prazas para persoas con discapacidade usando a tarxeta do marido morto
Por Redacción |