Denuncian un turista andaluz por aparcar seis veces de forma fraudulenta en prazas para persoas con discapacidade
Por Natalia Puga
A vixilancia do uso das prazas reservadas para estacionamento de persoas con mobilidade reducida é unha constante na Policía Local de Pontevedra, que mesmo ten unha patrulla especializada en controlar estes aparcadoiros, un total de 212 repartidas por toda a cidade. Esta supevisión continua e a colaboración veciñal permitiron intervir 32 cartóns no que vai de ano. Dous eran falsos e puxeron sobre a pista dunha ilegalidade que podería ser susceptible de delito e xa está en mans da Fiscalía da Audiencia Provincial.
A concelleira de Seguridade, Carme da Silva, deu a coñecer os datos este mércores e especificou algúns dos casos máis rechamantes. Un deles protagonizouno un home veciño de Andalucía que o pasado mes de xullo estaba en Pontevedra de visita e foi detectado pola Policía Local usando de forma fraudulenta estas prazas ata en seis ocasiones.
Todas as veces ía acompañado dun menor e aparcou usando un cartón a nome dunha muller que neses días estaba en Andalucía. Ademais, a Policía Local deulle o alto e detectou que deu positivo na proba de alcol mentres aparcaba de forma irregular e levaba ao menor no coche. Foi denunciado.
No caso das situacións denunciadas ante a Fiscalía, Carme da Silva indicou que se refire a dous casos procedentes de Vilanova de Arousa. Todo empezou ao detectar que un condutor procedente doutro concello estacionaba en prazas reservadas utilizando un cartón fotocopiado.
Cando lle reclamaron a orixinal, achegou un certificado emitido polo Concello de Vilanova de Arousa acreditando que si tiña cartón legal en curso. A sorpresa chegou cando, ao facer as comprobacións coa Xunta de Galicia, os policías comprobaron que o certificado municipal era falso, pois esa persoa tiña o cartón anulado desde o ano 2012.
Este primeiro caso non quedou aí e, pouco despois, a Policía Local detectou un cartón falso que tamén contaba cun certificado do mesmo Concello de Vilanova. Ao verificar a súa validez coa Xunta, tiveron coñecemento de que esa persoa nunca tivera dereito a un cartón de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.
Ambos os casos chegaron á Fiscalía, que agora deberá determinar se o condutor que falsificou o cartón tamén falseou o certificado municipal ou se esa irregularidade procede doutra persoa.
Segundo os datos achegados, en todo o ano pasado detectáronse 11 usos fraudulentos e no que vai de 2017 xa levan 32. 12 deles foron por uso indebido, catro por cartóns falsificas, 12 por cartóns caducados, dous por cartóns falsos e dous por usar fotocopias falsificadas. Entre estes casos, hai algún rechamante como persoas que aparcaban nestas prazas diante do ximnasio e logo facían deporte sen dificultade.
A outra cara da moeda sobre estes comportamentos irregulares e incívicos sitúaa a concelleira no aumento da sensibilidade cidadá en xeral. Asegura que os pontevedreses están cada vez máis concienciados e, de feito, durante o ano 2016 puxéronse 168 denuncias por aparcadoiro irregular -non fraudulento- nestas prazas. É menos da metade de sancións que as 399 do ano 2011.
Relacionadas:
-
Denunciado por usar prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida coa tarxeta dun falecido
Por Redacción |
-
Denuncian unha empresa de transporte por levar persoas en cadeira de rodas sen medidas de seguridade
Por Redacción |
-
Campaña da Policía Local de Poio sobre o uso das tarxetas de parking para persoas con mobilidade reducida
Por Redacción |
-
Acción de "guerrilla" de Amizade contra os que aparcan "sobre os nosos dereitos"
Por Redacción |
-
'Cazan' unha moza sen problemas de mobilidade aparcando en prazas de discapacitados para ir o ximnasio
Por Redacción |
-
Denunciado por usar de forma fraudulenta o cartón de estacionamento para persoas con discapacidade da súa irmá
Por Natalia Puga |
-
Finxe unha coxeira ao ser sorprendido pola Policía usando fraudulentamente un cartón para persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez |