Apelan ao autoconsumo nun xuízo por trapicheo: "Por desgracia, soy adicto y lo necesito para los nervios"
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra sentou este venres no banco dos acusados a seis persoas que no ano 2015 foron detidas ou investigados pola Policía Local no marco dos operativos contra o trapicheo de drogas na contorna da praza da Ferrería. Trátase de José Manuel C.L, Alberto G.B., Maricarmen R.O., Juan Antonio T.M., Xullo C.F. e Elias G.L. e todos negaron a acusación e apelaron ao autoconsumo para xustificar que levaban encima distintas cantidades de trankimazin, cannabis ou metadona.
A Fiscalía considera que nos meses de febreiro e marzo de 2015, nos que foron obxecto dun seguimento por parte da Policía Local, dedicáronse á venda de sustancias estupefacientes a terceiras persoas nas inmediacións da Ferrería e pide que sexan condenados a penas que van do ano e medio aos tres anos de prisión por un delito de tráfico de drogas e que, entre os seis, suman 14 anos e media e unha multa de 1.035 euros.
O acusado que se enfronta á pena de maior tamaño, tres anos de prisión e 25 euros de multa, é José Manuel C.L, o único que se atopa en prisión. Este venres declarou por videoconferencia no xuízo celebrado na Parda e negou totalmente que se dedicase á venda das sustancias que lle atribúen. . "Yo no puedo vender uina cosa que me hace falta a mí", asegurou, tras negar que "yo no vendo trankimazín ni vendo nada" porque "por desgracia, soy adicto a ellas y las necesito para los nervios".
Do mesmo xeito que os seus compañeiros, apelou ao autoconsumo para xustificar que a Policía o localizase en poder de sustancias e asegurou que é politoxicómano, compraba haxix para consumo propio e tiña receitado trankimazín e metadona. Ademais, mostrouse moi crítico coa actuación da Xustiza, pois asegurou que "es la quinta vez que me juzgan por tráfico y solo me han cogido una vez con chocolate, que, además, era para mí".
O acusado Alberto G.B., para quen pide dous anos e medio e 150 euros tras acreditar que durante polo menos tres días forneceu distintas cantidades de droga e pastillas na Ferrería, mostrouse indignado mesmo coa posibilidade de que lle consideren autor do delito. "Yo le puedo dar una pastilla a mi hermano porque se encuentra mal o poque le duele la cabeza. Puedo incluso regalársela a alguien, pero nunca venderla", asegurou.
Este procesado recoñece consumir unha pastilla de trankimazin e 50 miligramos de metadona ao día e que no momento dos feitos que se xulgan frecuentaba A Ferrería, pero non na actualidade, pois agora ten un contrato laboral. Daquela época explicou que cada día ía ata a zona entre as 11.00 e as 12.00 horas porque "como no tengo nada que hacer, voy allí, me tomo una cerveza, me fumo un cigarro y me fumo un porro, aunque sé que no se debe...".
A Maricarmen R.O. sorprendérona con 40 pastillas de trankimazin encima e tamén apelou ao autoconsumo, explicando sempre levaba con ela todas as que tiña receitadas porque xa lle pasara no pasado que tiña unha parella, deixaba a medicación na súa casa e, logo, enfadábanse e quedaba sen nada. Argumento similar esgrimiu Elias G.L. para xustificar que levaba 29 pastillas encima cando lle detiveron. No seu caso, vive coa súa nai e ten sobriños, de modo que lle pareceu perigoso deixar o bote e que o collesen os nenos.
Juan Antonio T.M., que se enfronta á pena inferior, un ano e medio de prisión, recoñeceu que coñece ao resto de acusados e a algúns dos que a Policía e a Fiscalía sinala como compradores, pero non a actividade que se xulgan, senón "por desgracia desde hace mucho tiempo por este mundillo, de la heroína y cocaína", pero que nunca vendeu droga e descoñece se o fixeron eles, pois "no me ocupo de la vida de los demás, bastante tengo con la mía". O último procesado, Xullo C.F. tan só recoñeceu tamén autoconsumo e mesmo insistiu en que "soy consumidor y ahora también lo estoy dejando".
Relacionadas:
-
O trapicheo de drogas na Ferrería, de novo ante un xuíz por unha pequena venda de cannabis a un menor
Por Natalia Puga |
-
Imputan seis persoas por un presunto delito de tráfico de drogas na Ferrería
Por Diego Espiño |
-
Dous imputados nun novo operativo contra o trapicheo no entorno da Ferrería
Por Redacción |
-
Localizan 0,5 gramos de cocaína un mozo e el confesa que ten 17,5 máis na casa e o calzón
Por Natalia Puga |
-
Identifican seis persoas e imputan a dúas por trapichear no ámbito da Ferrería
Por Natalia Puga |
-
Imputan dúas persoas por vender haxix e denuncian outras cinco por posuilo e consumilo na Ferrería
Por Natalia Puga |