Fomento manterá o tren por Placeres e creará dous pasos subterráneos para peóns e vehículos
Por Alejandro Espiño
Consulta o proxecto constructivo de supresión dos pasos a nivel do tren ao Porto de Marín
Suprimir os tres pasos a nivel actuais, crear dous pasos subterráneos para peóns e vehículos e habilitar unha barreira vexetal para evitar o impacto estético do paso do tren pola praza de Os Praceres. ÿ a proposta na que traballa a Dirección General de Infraestructuras Ferroviarias, dependente do Ministerio de Fomento, para dar cumprimento á sentenza do Tribunal Supremo contraria que declara ilegais os actuais pasos a nivel.
Así se publica no Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste mércores. Este proxecto exporase ao público durante un mes, a partir da súa publicación no BOE, e aínda que ese proceso non comezou aínda, o Concello de Pontevedra xa anunciou que alegará contra os plans de Fomento. O concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, cualificou esta actuación de "barbaridade" e lamentou que se descartasen outras opcións para solucionar esta problemática.
"Non satisfai a ninguén, porque o que se pretendía era que o tren non pasase pola praza", explicou César Mosquera. "E agora con esta solución, endurécese máis o corte da praza e aposta por unha solución urbana que non compartimos en absoluto", afirmou, ao recordar que os novos pasos inferiores quedarán situados por baixo do nivel do mar, co consecuente perigo de inundacións continuas.
En todo caso, Mosquera recordou que "quen gañou a sentenza foron os veciños", polo que asegurou que "haberá que escoitalos a ver que din nas súas alegacións".
"Quen gañou a sentenza foron os veciños, polo que haberá que escoitalos a ver que din nas súas alegacións"
O proxecto de Fomento detalla que en apenas 240 metros de praza existen tres pasos a nivel, un dos cales, o situado na rúa do Areal, suprimirase por completo. Para os outros dous, a solución elixida polos técnicos é crear dous pasos inferiores, que coincidirían coa ubicación dos actuais pasos a nivel.
O máis próximo ao campo de fútbol serviría para dar acceso aos usuarios da praza. Terá un gálibo que non chega aos 4 metros, o que tan só permitirá o paso a turismos, furgonetas e pequenos camións. E o situado no denominado 'camiño da praia' permitirá acceder cara á zona de O Cabo e o colexio Sagrado Corazón. Neste caso terá un gálibo mínimo de 4,5 metros para que poidan pasar autobuses escolares e camións.
Este último paso a nivel obrigará a Fomento a facer obras complementarias. A rotonda da Avenida Montero Ríos trasladarase máis cara a Estribela, o que conlevará modificar lixeiramente o trazado da PO-546, a estrada vella a Marín, e á creación dunha nova estrada, actualmente camiño veciñal, para esquivar a actual rotonda de acceso ao Porto de Marín.
E como quedarían as vías do tren na superficie da praza? Fomento describe esta parte do proxecto como restauración urbanística e paisaxismo. Aposta por pechar todo o trazado cunha barreira vexetal de setos de tal forma que se impida o paso sen afectar á visibilidade da praza. Ademais, colocaranse beirarrúas en todas as rúas e rampas de acceso aos pasos inferiores, deseñarase un xardín para a nova glorieta e renovarase a iluminación.
En total, o Ministerio de Fomento prevé investir uns 10 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Os veciños volven esixir nos tribunais o cumprimento da sentenza que ilegaliza os pasos a nivel dos Praceres
Por Natalia Puga |
-
O Supremo confirma enterrar os pasos a nivel dos Praceres, "crónica dunha decisión anunciada" para Mosquera
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia Nacional impide que Fomento busque unha artimaña legal para manter os pasos a nivel de Praceres
Por Natalia Puga |
-
O Concello rexeita os pasos soterrados para coches e peóns que Fomento propón en Praceres
Por Redacción |
-
AGE asegura que o paso do tren por Praceres é un exemplo de "corrupción política ao máis alto nivel"
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños dos Praceres ven "surrealista" o novo proxecto para suprimir os pasos a nivel
Por Natalia Puga |