Bueu aproba en xunta de goberno o proxecto de piscina municipal
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Bueu, en convocatoria extraordinaria, aprobou este xoves o proxecto de construción da piscina municipal, que está redactado polo arquitecto municipal Fernando Baeza e que concorrerá á liña de subvencións para equipamentos e dotacións singulares da Deputación de Pontevedra.
O ente municipal agarda poder obter o apoio provincial cunha contía económica importante que permita a viabilidade financeira desta infraestrutura tan necesaria para Bueu, dende o punto de vista deportivo e da saúde e benestar.
A futura piscina municipal, cun orzamento de 2,8 millóns de euros, construiríase nunha parcela das Lagoas, que ten unha superficie total de 1.863 metros cadrados. Amais do vaso da piscina cunha dimensión de 12 x 25 metros, habería diversos espazos nos que se relacionan a saúde e o deporte, tales como sala de aerobic, sala de relaxación, sala de fitness, sala de masaxes e sauna.
Dende o goberno local están recibindo moitas mostras de apoio social, o que se puido palpar a pé de rúa ao longo das últimas semanas, demostrando así que é un proxecto prioritario, xustificado pola súa faceta deportiva pero tamén pola do benestar, "pois detéctase que moitas persoas teñen necesidade de ir a piscina pola súa saúde", declarou o alcalde.
Durante os últimos anos, o goberno estivo barallando as diversas opcións para poder financiar esta infraestrutura e incluso se licitou un estudo de viabilidade que é probable que poida estar listo nos próximos días.
Relacionadas:
-
A piscina de Bueu, en marcha: Deputación e Concello asinan un convenio "histórico"
Por Redacción |
-
A piscina de Bueu será financiada entre o Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
Bueu pedirá á Deputación os fondos para a piscina municipal que non logra da Xunta
Por Redacción |
-
Bueu reclama os cartos comprometidos pola Xunta para a construción dunha piscina
Por Oskar Viéitez |
-
Bueu promove un estudo de viabilidade para a futura piscina municipal
Por Redacción |
-
Bueu busca o apoio da Deputación para ter piscina municipal
Por Redacción |