Día Mundial da Parálise Cerebral na Peregrina
© Mónica Patxot
VÍDEO.- "Atrévete a coñecernos. Senta, dedícanos 10 minutos, charla connosco"

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Este 4 de outubro, como cada primeiro mércores de outubro, conmemórase o Día Mundial da Parálise Cerebral e a Federación Aspace-Galicia decidiu dar a coñecer esta lesión e ás persoas que a teñen da forma máis directa posible: sentar os cidadáns nunha mesa con persoas con parálise cerebral para que poidan conversar e coñecerse.
O acto central do día organizouse a partir das 11.30 horas deste mércores na praza da Peregrina e incluíu a lectura dun manifesto por parte de dúas mulleres con parálise cerebral de Amencer-Aspace, Rosa María Blanco e Rosa del Mar Vieitez, que reivindicaron o dereito de todos os membros deste colectivo para participar na comunidade.
"Atrévete a coñecernos" é o lema elixido por Aspace este ano, ao que Rosana Sánchez Sastre, coordinadora de centros de día da federación, engade: "Senta, dedícanos 10 minutos, charla connosco". Partindo da base de que a comunicación é clave, habilitaron unha serie de mesas e cadeiras no medio da praza nas que persoas con parálise cerebral e sen elas puideron charlar e aclarar dúbidas e botar por terras premisas erróneas. A primeira, que a parálise cerebral non é unha enfermidade, senón unha lesión no cerebro antes do nacemento e nos recentemente nados.
A afectación psicomotora, do ton, do movemento e da postura, é unha cosntante nas persoas con parálise cerebral e inflúe directamente na comunicación, o que motiva que "moita xente ten moitos estigmas sobre nós e hai moito medo". Para romper ese medo e acabar coas barreiras sociais existentes, editaron marcapáginas con sete frases esenciais a ter en conta por quen queiran coñecerlle. (Na imaxe que acompaña esta información)
A praza da Peregrina encheuse de actividade con multitude de cidadáns que quixeron sentar nas mesas a charlas e tamén facer a súa achega no mural de mensaxes instalado coa idea de que os pontevedreses compartisen con eles as súas inquietudes. "Sodes incribles", "nunca perdas a ilusión", "non ter medo ao diferente", "déixame que che sorprenda" ou "normalizar a discapacidade" son algunhas das frases que escribiron os participantes, entre quen había un grupo de 80 escolares do colexio Doroteas de Pontevedra e outros tantos de Barcelos.
Ademais, Aspace permitía ao público probar como é desprazarse nunha das cadeiras de rodas que utilizan as persoas con parálise cerebral e, poñendo pintura nas rodas sobre un gran lenzo de papel, foise creando unha obra de arte colectiva "para que a xente vexa que estamos a deixar pegada na nosa sociedade". Cris foi unha das pontevedresas que se animou a probalas e a experiencia emocionouna e mesmo a deixou "temblando", ademais de servirlle para valorar o complicado que resulta usalas.
Rosa María Blanco e Rosa del Mar Viéitez comunícanse cos medios coa axuda de Rosana e, como colofón a esta xornada de celebración, recoñecen que "temos medo de poñernos na sociedade". É un medo "á resposta da xente", pois son moitos os que "ao cruzarse connosco dinos: pobriños, os nenos...". Aínda quedan moitas barreiras por romper.
Día Mundial da Parálise Cerebral
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
O Pazo Provincial acolle o mural colaborativo de Amencer-Aspace
Por Redacción |
-
Aspace xa ten gañadores do seu concurso de cociña
Por Redacción |
-
RADIO.- A Playlist: Os dez mandamentos de Julia Castro
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Os heroes voan e tamén van en cadeira de rodas
Por Marisa Ciordia |
-
Conversas na praza da Peregrina para visibilizar a parálise cerebral
Por Redacción |
-
A vida cotiá das persoas con parálise cerebral, en 21 instantáneas
Por Redacción |
-
A cociñar tosta xuntos en Amencer-Aspace
Por Redacción |
-
Once persoas con parálise cerebral realizarán as probas de competencias clave para obter os certificados de profesionalidade
Por Redacción |