O calendario 2018 de Os Palleiros busca rachar cos estereotipos sobre os cans potencialmente perigosos
Por Natalia Puga
A asociación protectora de animais Os Palleiros lanzou o seu novo calendario solidario 2018, que xa se pode comprar a partir deste xoves 30 de novembro nas instalacións da protectora en Campañó e o próximo 9 de decembro no mercado solidario que se organizará na praza de Ourense. Este ano os protagonistas son os "mal llamados" cans potencialmente perigosos, razas sobre as que busscan romper estereotipos.
"Son perros normales. Si se educan y sociabilizan como es debido, no dan problemas", sostén a presidenta da asociación, Gloria Cubas. Segundo indica, a adopción destes cans é máis complicada aínda que a doutros cans abandonados que teñen na protectora, pois xogan na súa contra o medo da xente e tamén que se esixen moitos requisitos administrativos e licenzas e seguros.
Como exemplo de que eses cans poden levar unha vida normal no caso de que reciban a educación e trato adecuados Gloria Cubas indicou que leva a un deles, unha cadela de nome Néboa, ás charlas que realiza nos centros educativos de Pontevedra. Na actualidade, teñen oito deles nas instalacións da protectora, pero chegaron a ter 12.
O calendario véndese a 5 euros o de mesa e sete o de parede e a súa venda axudará a recadar fondos para soster a actividade da protectora, na que na actualidade teñen 100 cans nas instalacións de Campañó e outros 29 en casas de acollida. Deles, 17 son cachorros.
Este último trimestre foi especialmente intenso no refuxio. Segundo os datos facilitados pola responsable das adopcións, Betty Suárez, recibiron 115 animais e lograron a adopción de 57. O balance deixou á protectora con sobreocupación, unha situación que xa é habitual e para a que necesitan fondos adicionais para facerlle fronte.
O mercado do Nadal da praza de Ourense axudará a reforzar eses fondos. Estará aberto entre as 11.00 e as 20.00 horas do sábado 9 de decembro e terán unha árbore no que as persoas que realicen un donativo ou achega para a asociación poderán colgar un adorno con fotos dos cans en adopción.
Para a época do Nadal, a protectora tamén anunciou este mércores que interromperán a adopción de cachorros. Segundo indican, en anos anteriores detectaran que este tipo de accións aumentan en Nadal e, tras as festas, prodúcense devolucións masivas. Para evitalas, xa o ano pasado suspenderon as adopcións xusto antes de Nadal para que "las personas que realmente quieren un perro, que lleven uno mayor" e así se evita que a protector se colapse despois de Reyes.
Relacionadas:
-
Unha árbore 'palleira' moi solidaria
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Cans "palleiros" con denominación de orixe
Por Alejandro Espiño |
-
O Partido Popular de Pontevedra pide a creación dun parque canino na zona do Gafos
Por Gabriela Varela Asorey |
-
Os 'avós' da protectora buscan fogar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os Palleiros ilustra o seu calendario 2016 con selfies de familias e cans adoptados
Por Redacción |
-
A canceira municipal xestionou 344 adopcións de cans no que vai de ano
Por Diego Espiño |