Os comuneiros de Salcedo derrubarán a aldea afgana edificada pola Brilat nos seus montes
Por Redacción
A recuperación por parte da comunidade de montes de Salcedo da titularidade do monte no que se sitúa parte do cuartel da Brilat terá pronto a súa primeira consecuencia. Os comuneiros anunciaron este domingo que prevén derrubar a aldea afgana e o poboado urbano que Defensa construíu neses terreos para adiestrar aos seus soldados de cara ás súas misións internacionais.
O obxectivo, segundo sinalou o presidente da comunidade de montes, Fernando Pintos, é devolver o monte ao seu estado natural, poñer en valor os xacementos arqueolóxicos e potenciar o seu uso forestal. E é que ao recuperar estes terreos, di, os comuneros atopáronse cun monte "abandonado e esnaquizado, co chan alterado e cheo de especies invasoras".
Así llo mostraron aos veciños nunha ruta pola parroquia denominada 'Amigos do monte'. Querían con ela para dar a coñecer os traballos que a comunidade de montes realizou no último ano. Unha actividade que tivo o seu punto de partida no lugar da Armada, un sitio especial para este colectivo porque desde aí "saían as manifestacións contra a franxa de seguridade e as obras ilegais realizadas pola Brilat no monte".
Entre as primeiras medidas dun "ambicioso plan" que puxo en marcha a Comunidade de Montes, figura a "restauración ecolóxica e repoblación" con especies autóctonas como castaños, nogais e árbores frutais, de varias hectáreas de monte xunto á base militar, utilizadas anteriormente para "prácticas de guerra", sinalou Fernando Pintos, para formar unha barreira natural que a separe das propiedades particulares colindantes.
A zona recuperada polos veciños non só contén os xacementos prehistóricos "que se defenderán para disfrute da xente", senón tamén os manantiais subterráneos e traídas de augas de uso doméstico que fornecen ás vivendas próximas.
E como financiarán estas actuacións? Pois de entrada co canon que pretenden impoñerlle ao Ministerio de Defensa pola presenza da Brilat nos seus montes. Unha cantidade que non quixo desvelar Fernando Pintos. Pero en todo caso, sinalou que "non pagaron nada por un terreo roubado aos veciños en 1895 e agora fai falta moito traballo e moito diñeiro para reinvertir no monte".
A asemblea da comunidade de montes decidiu que a Brilat poida dispoñer de 92 hectáreas "para que a base siga aquí", das cales 32 ocúpanas as actuais instalacións militares e as 60 restantes destinaríanse a zona de manobras. Non entanto, os comuneiros pediron "liberar para uso veciñal" unha extensión de 80 hectáreas que os militares destinan ao seu adestramento, unha actividade que se desprazaría monte arriba.
Relacionadas:
-
Defensa e comuneiros, enfrontados pola cuantía do canon a pagar polos terreos da Brilat
Por Oskar Viéitez |
-
Vilaboa confía en que o Supremo ratifique a titularidade veciñal dos terreos da Brilat
Por Oskar Viéitez |
-
O monte de Salcedo esquece as prácticas bélicas para converterse nun espazo de paseo
Por Redacción |
-
Sen acordo económico entre os comuneiros de Salcedo e Defensa para poñer prezo aos terreos da Brilat
Por Redacción |