A Deputación inicia este mércores as obras da nova glorieta de Príncipe Felipe
Por Redacción
A Deputación iniciará este mércores a obra da glorieta e mellora de acceso ao centro Príncipe Felipe. Segundo indicou o vicepresidente César Mosquera, esta actuación servirá para eliminar un grave problema de seguridade viaria na entrada ao centro de menores, e suporá un antes e un despois na zona pola calidade do proxecto.
A empresa Construcciones EC Casas será a encargada de realizar as obras, adxudicadas en 417.435,81 euros, e o prazo de execución é de seis meses, polo que a nova rotonda e toda a mellora da contorna deberán estar finalizadas no outono.
Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, "esta obra vai ser a mellor en toda esa contorna con distancia porque as solucións de iluminación, de sección, de vías, de mobilidade peonil están coidadas ao máximo. A pena é que visto como vai quedar non puidera estenderse. Co tempo supoño que poderemos logralo", explicou, para indicar que se vai retranquear a entrada de Príncipe Felipe e vai cambiar o seu aspecto absolutamente.
"O principal é que a entrada está nestes momentos nunha curva en cambio de rasante e é perigosísima. É inaxeitada para un centro destas características no que entran 500 ou 1.000 persoas todos os días con autobuses e con rapaces", indicou o nacionalista.
Ademais, destacou que "vai ter tamén unha iluminación como a que hai en calquera lugar que se urbaniza con estas calidades. Téñolle moita esperanza porque o proxecto está moi ben traballado. É unha obra da Deputación e a última que fixemos dese corte é a de Luis Rocafort. Esta vai ter unhas calidades altísimas. De facer as cousas facelas ben. A época da chapuza debe acabarse".
Segundo matizou Mosquera, a actuación consistirá na construción dunha glorieta de dobre carril con pasos de peóns sobreelevados, novos sistemas de iluminación, novas áreas seguras reservadas para o peón sen existencia de barreiras arquitectónicas para as persoas con mobilidade reducida, así como un novo peche perimetral con cipreses para o centro, unha nova caseta de control para a vixilancia e seguridade do centro, e un novo portal metálico motorizado para controlar a entrada e saída tanto de persoas como de vehículos.
Realizarase tamén un aparcadoiro privado para as persoas usuarias do centro e un muro de contención de terras perimetral ao aparcadoiro, así como un novo acceso á zona de cociñas mediante a apertura dun camiño pola zona axardinada.
Relacionadas:
-
Máis de 415.000 euros para mellorar e modernizar a entrada ao Centro Príncipe Felipe en Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nova glorieta no acceso á cidade infantil Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A glorieta de acceso a Príncipe Felipe, unha solución "moi traballada" para mellorar a seguridade viaria na zona
Por Diego Espiño |
-
A Deputación adxudica a EC Casas a obra da glorieta e a mellora do acceso a Príncipe Felipe
Por Gabriela Varela Asorey |
-
O goberno provincial aproba a licitación das obras da Rolda Leste
Por Redacción |
-
Os novos accesos a Príncipe Felipe e Montecelo, en obras na primavera de 2018
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O Concello cederá terreos para a nova rotonda diante da entrada de Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |