O PSOE promete "insistir" ante o Goberno de Pedro Sánchez para que Ence saia da ría de Pontevedra

Por Redacción
A situación de Ence e Elnosa na ría de Pontevedra foi o tema central da reunión que este luns mantiveron representantes da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) coa executiva local do PSdeG-PSOE, unha vez que o socialista Pedro Sánchez converteuse en presidente do Goberno español.
Neste encontro, o portavoz municipal socialista, Agustín Fernández, asegurou que o seu partido "insistirá" ante o novo executivo central acerca da "necesidade" de tomar decisións que faciliten o desmantelamento do complexo industrial de Lourizán, de forma que ambas as dúas compañías trasladen a súa produción "a outro lado".
Fernández trasladou á APDR a súa confianza en que as decisións que tome a dirección de Costas a este respecto "sexan favorables aos intereses de Pontevedra" e mostrou a "total dispoñibilidade" do PSOE local para "empuxar nunha mesma dirección e dar saída a unha situación indesexada creada polo goberno do PP".
O dirixente socialista, en todo caso, pediu "tempo" a APDR para que o novo goberno vaia "tomando asento".
No caso da prórroga por 60 anos concedida a Ence, Agustín Fernández lembrou que o Concello presentou un recurso ante a Audiencia Nacional, polo que se mostrou partidario de esperar a esta resolución, que confía que sexa "favorable" aos intereses municipais.
En caso contrario, dixo, "quedaría tomar decisións político-administrativas que se valorarían no seu momento".
Pola súa banda, Antón Masa urxiu a solucionar o decreto de caducidade de Elnosa, que "corre présa", e esperar a "ver que pasa" cos recursos xudiciais expostos contra a prórroga de Ence, cuxa situación é "máis complexa".
Desde a APDR agradeceron que a posición do PSOE sexa "moi coincidente" coa do colectivo ambiental ante a posibilidade de "actuar pola vía político-administrativa se pola xudicial non se resolve" e valorou que este goberno "teña a vontade política de facelo".
Relacionadas:
-
O Goberno aposta por un estudo integral da Ría ante a polémica pola ampliación da EDAR
Por Natalia Puga |
-
Concello e Xunta critican o anuncio do PSOE de que o Estado está disposto a negociar o traslado de Ence
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño |
-
A APDR implica as estatuas de Pontevedra contra ENCE e Elnosa: "Prórrogas? Non grazas. Anulación!"
Por Redacción |
-
Carme da Silva: "Hai moitos anos que Elnosa sabe que non pode seguir aí"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez culpa a Lores e o PSOE do inminente peche de Elnosa
Por Anxo Lourido |
-
Elnosa anuncia aos traballadores a súa intención de pechar o 29 de xullo
Por Alejandro Espiño |
-
A APDR cumpre coa súa marcha anual contra ENCE mirando de esguello ao cambio de Goberno
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
ENCE defende ante a marcha de protesta da APDR que cumpre "rigorosamente" a normativa ambiental
Por Redacción | Creada e actualizada
-
En Marea asegura que o PSOE "xógase moito" coa decisión que tome sobre ENCE
Por Alejandro Espiño |