Técnicos de emerxencias cifran en 68 os servizos realizados durante as dúas fins de semana de peñas

Por Natalia Puga
O balance das dúas fins de semana de celebracións de 'peñas' xente nova deste agosto de 2018 é moi diferente se quen falan son a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias ( ASGATE) ou o Concello de Pontevedra. Mentres a administración local non refire incidentes reseñables, os técnicos aseguran que durante as catro xornadas de celebracións houbo que facer 68 servizos sanitarios, de modo que se confirma que o dispositivo de seguridade deseñado é insuficiente.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, fixo balance este luns de toda a pasada fin de semana, a primeira de festas locais -a pasada tan só houbo touros e 'peñas'-, e asegurou que foi "magnífico", con "miles de persoas en Pontevedra divertíndose" e sen incidentes reseñables.
Segundo indicou durante a xornada do sábado a ambulancia contratada polo Concello para dar servizo desde a Praza de España aos participantes nas celebracións de 'peñas' atendeu a 10 persoas e trasladou a catro a centros sanitarios e o domingo houbo seis asistencias con dous traslados.
Ademais, sinalou que durante o sábado xeráronse 14 toneladas de lixo recollidas polo operativo especial de limpeza posto en marcha polo Concello e o domingo calcúlase que unhas nove.
Fronte a ese balance, desde ASGATE o seu portavoz, José Iglesias, fala de que a ambulancia de Cruz Vermella que contrata o Concello tivo o domingo oito asistencias, das que dúas derivaron en traslados a centros sanitarios, un por unha intoxicación etílica dun menor e outra por un corte, e de que a ambulancia do 061 que fai un servizo ordinario e, a maiores, atende as 'peñas', tivo dous traslados, un por intoxicación e outro por un corte, ambos os maiores de idade
En total, durante os catro días de 'peñas' -dous sábados e dous domingos-, houbo 68 servizos que confirman "a necesidade de reforzar o dispositivo sanitario que puxo o Concello", sobre todo para que situacións de emerxencia como a ocorrida durante a pasada madrugada ao esborrallarse parete do paseo marítimo de Vigo durante un concerto do festival O Marisquiño non pillen sen preparación. Así, durante esta madrugada a ambulancia medicalizada do 061 que traballa en Pontevedra tivo que irse a Vigo e, se pasase algo grave na capital tan só habería o equipo de Cruz Vermella do Concello e outra do 061 que dá servizo a un total de 10 concellos.
José Iglesias considera que a decisión de non reforzar o dispositivo é "un capricho, unha cabezonería" do Concello, que "saben que os números avalan que hai que poñer máis recursos" e espera que os datos deste ano sirvan para que tomen nota para posteriores edicións.
Relacionadas:
-
O Partido Popular propón unha mesa para resolver o "botellón descontrolado" na festa das peñas
Por Anxo Lourido |
-
Tres menores, trasladados por intoxicación etílica a centros hospitalarios durante este sábado de peñas
Por Redacción |
-
Os técnicos de emerxencias inciden en reclamar máis ambulancias para o inicio das Festas da Peregrina
Por Anxo Lourido |
-
O primeiro sábado de 'peñas' deixa 14 atendidos en Montecelo por agresións e catro por intoxicacións etílicas
Por Natalia Puga |