Fomento acepta estudar cambios na obra da N-541 en Viascón
Por Redacción
O Ministerio de Fomento está disposto a facer cambios no proxecto de mellora da seguridade viaria da N-541, ao seu paso por Viascón. Así llo transmitiu a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e aos veciños do lugar.
Neste encontro, celebrado nun clima de máxima colaboración e entendemento, analizáronse unha serie de demandas veciñais e os representantes da Demarcación de Estradas de Galicia, dependente do Ministerio de Fomento, comprometéronse ao estudo das posibles alternativas.
Ademais, avanzaron que o proxecto construtivo non se iniciará polo momento.
Os veciños, ao igual que o propio Cubela, amosaron a súa satisfacción por estas novidades.
Ambas partes celebran que se miren con detemento as súas propostas para a N-541 nese punto, que contan con distintas opcións pero que se centran principalmente en que non se parta nin divida a esta parroquia, segundo sinalaron.