Mulleres maiores, viúvas e que viven soas son as persoas que máis empregan o servizo de teleasistencia
Por Redacción
O perfil máis frecuente de usuario do servizo de teleasistencia é o dunha muller de idade avanzada, viúva e que vive soa. Este servizo permite que estas persoas se manteñan asistidas as 24 horas do día durante todo o ano. Desta forma poden permanecer no fogar sen medo a sufrir unha caida, unha enfermidade ou un golpe sen que ninguén o perciba.
Para manter este servizo a Deputación provincial e 45 concellos de menos de 20.000 habitantes asinaron un convenio de financiamento que permitirá atender ás 358 persoas que agora mesmo necesitan este servizo nestes concellos. Segundo apuntaba o presidente da Deputación, Rafael Louzán, "hai outras 350 que requiren esta asistencia nos concellos de máis habitantes".
No ano 1999 este servizo era sufragado por cinco administracións públicas, agora só quedan Deputación e concellos. A Administración provincial cobre o 34% do custo cun presuposto de 163.000 euros e sacou a concurso a xestión do servizo, despois de que o IMSERSO, que era o organismo do Estado que o xestionaba, abandonara o seu financiamento con motivo dos recortes establecidos polo goberno central.
A Deputación decidiu que para xestionar o servizo de teleasistencia se realice un concurso e, nos próximos días, coñecerase que empresa privada será a adxudicataria desta actividade.