Pontevedra homenaxea no Principal á escola represaliada polo franquismo
Por Redacción & Mónica Patxot
O Teatro Principal foi escenario este mércores dunha nova homenaxe ás vítimas da represión franquista, dentro do programa A memoria das mulleres impulsado polo Concello de Pontevedra.
Nesta ocasión o acto centrouse no impulso pedagóxico da República, no labor modernizador das escolas e do maxisterio na cidade, e na cruenta represión que o levantamento fascista de xullo de 1936 levou a cabo contra este colectivo.
Púxose de relevo o papel de institucións como a Escola Normal, dirixida por Ernestina Otero, na que se formaron novas xeracións de mestres e mestras, ou iniciativas privadas como a Escola Nova de Hernán Poza, que instruíu as varias xeracións con métodos pedagóxicos avanzados para a época.
Ademais realizouse un percorrido polos principais avances que se produciron en Galicia e Pontevedra en materia educativa desde comezos do século XX.
Na homenaxe, no que actuou a aula de teatro do CIM, lembráronse figuras de mestres asasinados como Germán Adrio Mañá, José Meis, Eduardo Muíños Búa, Benigno Rey Pavón, Alfonso Rodríguez Méndez ou Gonzalo Martín March. Mestras asasinadas como Mercedes Romero Abella e María Vázquez Suárez. Mestras rapadas, encarceradas e depuradas como Fina e Tucha Dios. Presas e expedientadas como Peregrina Martínez Santos. Expedientadas e desterradas como Ernestina Otero. E mestres exiliados como Bibiano Fernández Tafall ou Daniel Castelao, que eran profesores do Instituto de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O CITA queda pequeno para acoller o público asistente ao quinto aniversario de 'A memoria das mulleres'
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Cinco anos construíndo a historia das mulleres de Pontevedra
Por Redacción |
-
Tres novas rúas de Tafisa e o parque ante a Xunta de Campolongo bautizaranse con nome de muller
Por Natalia Puga |
-
Novo web para recalcar o violeta con motivo do quinto aniversario da Memoria das Mulleres
Por Redacción |
-
O Concello rende homenaxe á escola represaliada polo franquismo
Por Redacción |
-
Pontevedra conmemora o seu Día da Memoria Histórica e berra: nunca máis outro 12 de novembro
Por Redacción |