A Xunta rehabilitará antes do outono un edificio de Monte Porreiro onde hai 11 anos se tentou realoxar unha familia do Vao
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda chegaba con máis de 20 minutos de atraso a súa cita cos medios de comunicación este mércores en Monte Porreiro para anunciar que está previsto adxudicar en febreiro as obras de rehabilitación do edificio número 44, situado na rúa Alemaña da urbanización pontevedresa. Presentáronse catro empresas a este concurso para un proxecto que conta cun investimento de 200.000 euros, que se centran en illamento térmico e mellora das instalacións.
Este edificio foi centro de atención en 2008 cando se desenvolveron diversos actos de protesta por parte dunha representación de veciños despois de que se realoxaran varias familias do poboado chabolista do Vao, no municipio de Poio, a vivendas situadas en Monte Porreiro. As protestas orixináronse polo temor a que comezasen actividades de venda de droga nesta zona. Neste caso, o edificio atópase fronte ao I.E.S. Luis Seoane e a poucos metros das instalacións do Centro Cultural. A presión veciñal rematou por provocar que as familias realoxadas abandonaran o barrio.
O edificio pertence ao Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) e está previsto que se rehabiliten tres vivendas e un local comercial. O prazo de execución das obras é de cinco meses. Agárdase que despois do verán se adxudiquen as vivendas a familias que precisen destas instalacións, segundo explicaba a conselleira.
Ángeles Vázquez fixo un repaso dos 1,35 millóns de euros investidos en 2013 por parte da Xunta en melloras para a urbanización de Monte Porreiro, no tramo entre as rúas Irlanda e Luxemburgo. Ademais tamén se destinou medio millón de euros para a mellora a eficiencia enerxética, unhas obras que se están a desenvolver en 79 vivendas protexidas situadas na rúa Bélxica.
A responsable de Vivenda indicou que o municipio de Pontevedra conta con ao redor de 500 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro ou de compra-venda.
Tamén lembrou que se atopan en marcha actuacións en dúas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) cun investimento de 2,12 millóns de euros. O obxectivo é que particulares que queiran realizar reformas de inmobles na zona do centro histórico ou de Estribela poidan solicitar estas axudas a través do Concello de Pontevedra. Neste sentido, xa se executaron máis de 1,4 millóns de euros.
A conselleira destacou nesta visita, na que estivo acompañada polo deputado do Partido Popular Jacobo Moreira e polo delegado territorial da Xunta de Galicia José Manuel Cores Tourís, o esforzo que se está a realizar desde a administración autonómica para fomentar a rehabilitación con 16 liñas de axuda que ascenden a case 53 millóns de euros en toda Galicia.
Relacionadas:
-
Unha cooperativa construirá 33 novas vivendas de protección autonómica en Valdecorvos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PSOE busca o consenso de todos os partidos para poñer en marcha medidas para abaratar os alugueres de vivendas
Por Natalia Puga |
-
Os veciños de Monte Porreiro estrean as súas hortas urbanas
Por Redacción |