"Fame de experiencias" é a campaña de promoción turística da Deputación en 2019
Por Redacción
"Fame de experiencias" é a campaña de promoción da Deputación de Pontevedra en 2019, que comezará en FITUR Madrid.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva explicou na súa presentación que "apostamos por un destino Pontevedra Provincia multiexperiencial, apostando polo territorio, o patrimonio cultural e as persoas que hai detrás da nosa gastronomía".
Carmela Silva estivo acompañada nesta presentación da campaña polo prestixioso cocieiro Pepe Solla que falou do video promocional no que aparecen "non intérpretes senón produtoras e produtores, a xente real que normalmente non se ve" polo que "falamos da cadea real de valor, da sustentabilidade".
Segundo Pepe Solla "esta xente é quen nos diferenza do resto".
A Deputación anima a visitar as Rías Baixas propoñendo experiencias "nun territorio cunha gastronomía de calidade, con innovación e tradición, representando a toda a provincia: abrangue a todos os concellos e sectores e á cidadanía", dixo a presidenta.
"A enogastronomía está asociada a Pontevedra e o emoturismo (turismo de emocións) é un gran mobilizador", explicou Carmela Silva. Ademáis o que se busca é "avanzar na desestacionalización coas nosas fortalezas, produtos de temporada, mellora dos voos, cultura e termalismo".
Segundo avanzou Silva, a campaña será moi comercial e estará dispoñible en galego, castelán e inglés e FITUR será o punto de partida. Trala feira desenvolveranse as seguintes accións de promoción como as de marketing directo presentando o destino "interna e externamente", con especial incidencia nas localidades onde hai voos directos, "e desenvolveremos unha gran campaña online e offline".