Os taxistas galegos piden que os vehículos VTC se reserven con tres horas de antelación
Por Alejandro Espiño
Que os usuarios das empresas VTC, que en España operan baixo as marcas Cabify e Uber, non poidan reservar un vehículo con menos de tres horas de antelación. É a petición que os taxistas galegos realizaron á Xunta de Galicia.
Ante a posibilidade de que o conflito que, principalmente, afectou a Barcelona e Madrid, chegue tamén a Galicia, os autopatronos do taxi buscan unha solución similar á prometida pola Generalitat catalá, aínda que cun tempo de reserva aínda máis alto.
A Xunta, polo menos por agora, non o descarta. Iso si, entende que se trata dun tema de gran complexidade cuxa solución "a ten Fomento", segundo advertiu en Pontevedra a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
O goberno galego quere respectar o cociente dunha autorización VTC por cada trinta taxis, aínda que advirte que se o Goberno traslada este problema ás comunidades autonómicas o conflito "agravarase".
Con respecto á petición dos taxistas, Ethel Vázquez recoñece que os servizos xurídicos da Xunta de Galicia están a analizar a "viabilidade legal" de obrigar a que os vehículos VTC se teñan que reservar cunha antelación mínima de tres horas.
A conselleira explicou que o goberno galego está "comprometido" en buscar solucións á problemática do sector "na medida que poidamos", aínda que asegurou descoñecer se legalmente esta limitación horaria poderíase implantar.
O obxectivo do goberno galego, engadiu, é implantar "fórmulas" que permita unha "convivencia harmónica e xusta" entre os taxistas e as empresas VTC.
Unha delas, que tamén solicitaban os taxistas e que a Xunta aceptará, é que os condutores VTC estean obrigados a levar un distintivo que lles identifique e que "facilite" as inspeccións das autoridades de transporte.
Relacionadas:
-
A nova ordenanza do taxi incluirá o transporte a demanda e unha 'tarifa plana' aos aeroportos
Por Alejandro Espiño |
-
A nova normativa do taxi en Pontevedra regula o cobro por viaxeiro e tarifas planas para varios servizos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os taxistas ven "difícil" a implantación de Uber ou Cabify en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os taxistas, "moi interesados" no proxecto de transporte a demanda que estuda implantar o Concello
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |