Maduro, Guaidó, Felipe González, Guerra, Otegui, Casado e Rajoy, citados nun pleno denso
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Partido Popular e o BNG presentaban dúas mocións no pleno deste venres contra os orzamentos xerais do Estado presentados polo goberno do socialista Pedro Sánchez.
Carme da Silva, concelleira do Bloque, sinalaba que estes orzamentos manifestan unha nova parálise nas infraestruturas previstas para o municipio como, entre outras, o arranxo do Nó de Bombeiros, a supresión da peaxe da AP-9 ou a recuperación dos terreos de Ence e de Elnosa. Pola súa banda, o portavoz do PP, Rafa Domínguez, expoñía que a moción do BNG era "infumable" fronte á "razoable" que presentaba o seu grupo e sinalaba que o goberno socialista destina o investimento máis baixo para Pontevedra nos últimos 18 anos e botou de menos o período de presidencia de Mariano Rajoy. Indicaba que Pedro Sánchez "acaba de robar y de atracar a mano armada a todos los gallegos" aumentando, en cambio, nun 60% as partidas para Cataluña.
María Rey, representante de Cidadáns, facía referencia á figura do relator e criticaba que estes orzamentos castiguen a Galicia para manter "en el sillón a un presidente". Pola súa banda, o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, recoñecía que a axuda para Pontevedra nas partidas está ausente pero consideraba "inaceptable" que o PP e o BNG apoiasen as obras da A-57.
Pola súa banda, Tino Fernández, portavoz do PSOE, criticou que o BNG se tivera calado durante seis anos cos orzamentos do PP e lembrou ao grupo popular os recortes e a conxelación salarial que puxo en práctica o goberno de Rajoy. Pediu a Cidadáns que lle explicasen que era un relator. Rafa Domínguez sinalou que foi Zapatero quen levou a cabo os recortes e explicou que a definición dun relator podía pedirlla a Felipe González, Alfonso Guerra ou Rodríguez Ibarra. Ademais, indicou que "el BNG tiene que estar contento porque el dinero va para sus amigos independentistas" e afirmou que podían pedirlle a Otegui que "mande el dinero para aquí".
Na réplica, Carme da Silva referiuse a Domínguez con ironía afirmando que lle gusta a política de Estado e "que teña medo Casado". Tamén lle recriminou a súa "obsesión con Cataluña" e convidoulle a que lle pregunte ao novo presidente popular da Junta de Andalucía, Juanma Moreno, se vai repudiar os beneficios que obtén con estes orzamentos esta comunidade autónoma.
Luís Rei volveu intervir para lamentar o " parlamentarismo e a demagoxia" en que se estaba incorrendo. Pola súa banda, o socialista Tino Fernández insistiu en afirmar que os orzamentos do PP foron un desastre para Galicia e que nesta ocasión tiñan un compoñente social con subida das pensións, subsidio de desemprego ou salario mínimo interprofesional e criticou aos populares por crer que lle dá rédito saír á rúa coa bandeira "e outros lle van comer as papas".
A moción do BNG foi aprobada polo voto de calidade do alcalde ao rexistrarse un empate entre os votos a favor da agrupación nacionalista cos once do PP, PSOE e Cidadáns. Marea Pontevedra abstívose. A moción do PP foi rexeitada ao contar só co voto dos seus oito concelleiros e a abstención de Marea Pontevedra.
Tamén o voto de calidade do alcalde foi decisivo para tombar a moción de urxencia presentada polo Partido Popular sobre Venezuela. Os populares reclamaban o recoñecemento de Juan Guaidó como presidente interino e a solicitude de eleccións libres no país suramericano sinalando que a comunidade venezolana que reside en Pontevedra tivera que emigrar por culpa do "dictador Maduro". Luís Rei, de Marea Pontevedra, sinalaba que non hai unha resolución da ONU sobre este conflito, un espazo "máis axeitado que o Teatro Principal". Iván Puentes, do PSOE, acusou aos populares de tentar botar gasolina neste conflito e o BNG lamentou que presentasen esta moción neste escenario, ao que Domínguez contestou que os nacionalistas levaran a un pleno unha moción sobre Palestina e afirmou que o grupo de goberno gardaba simpatías con Maduro, dando lectura a un chío do concelleiro Demetrio Gómez.
Por unanimidade acordouse a adhesión á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega e aprobouse tamén por unanimidade a proposta de Cidadáns para implantar a figura dun profesional de enfermería para as escolas en Pontevedra.