A Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña busca a declaración de Interese Turístico Nacional
Por Redacción
A Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña chegará este ano ás súas vodas de ouro cunha programación especial que xa empezou a prepararse a pesar de que aínda quedan máis de cinco meses para a súa celebración e cunha aspiración: tentar acadar a categoría de Festa de Interese Turístico Nacional.
A 50 edición da festa será o domingo 28 de xullo e, para empezar a preparala, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e o tenente de alcalde, José Cela, mantiveron unha xuntanza preparatoria coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, coa que visitaron a emblemática Carballeira de Santa Lucía que acolle este importante certame gastronómico.
Luisa Piñeiro trasladoulle a Nava Castro o traballo que van realizar esta ano "para facer que o medio século de vida do Carneiro sexa moi especial", con iniciativas como contar cun cartel conmemorativo, e tamén a súa intención de comezar co expediente de Festa de Interese Turístico Nacional.
"A nosa festa é coñecida e recoñecida en toda España e, máis aló da súa importancia social e identitaria para Moraña, dos milleiros de visitantes que recibimos de todo o país e da ampla programación paralela dende varias semanas antes, cremos que merece ser de Interese Nacional", sinalou Piñeiro.
A alcaldesa admitiu que se trata dunha tramitación "farragosa e complexa", pero considera que paga a pena "porque o Carneiro e Moraña o merecen, porque cremos que sería a categoría xusta para a festa, que é das máis destacadas e antigas de Galicia, e porque ademais obteríamos máis axudas, proxección e publicidade".
Nava Castro animou aos responsables municipais a intentar lograr esa declaración. Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a directora de Turismo de Galicia considera que o Carneiro ao Espeto pode acadar esa catalogación.
Relacionadas:
-
Moraña abre 19 días de actividades para conmemorar o medio século da Festa do Carneiro
Por Redacción |
-
Os 50 anos da Festa do Carneiro ao Espeto xa teñen carteis de promoción
Por Redacción |
-
Moraña desborda no día grande da XLIX Festa do Carneiro ó Espeto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
De Vintage, O Xavique e A Adega triunfan no concurso de tapas "Espétalle un Pincho"
Por Redacción |