O director de ENCE: "A fábrica condenada hai 19 anos e a fábrica de hoxe non se parecen"
Por Oskar Viéitez
Os responsables da ENCE queren "reinterpretar" a fábrica de celulosas situada a beiras da ría de Pontevedra. Así o dixo Director da factoría pontevedresa, Antonio Casal, no centro cultural Novacaixagalicia durante a inauguración este venres da exposición para dar a coñecer as 102 propostas de integración presentadas ao concurso de ideas.
"Creo que unha das eivas do debate existente arredor de Ence ten que ver co convencemento de algúns de que nada pode mellorar", dixo Casal "ou quizais co seu desexo de que nada mellore", engadiu "como se a realidade fose inmóbil ou coma fose mellor rematar co que temos que analizar que oportunidades xera para nós".
Antonio Casal invitou á cidadanía a que incorpore as 102 ideas propostas polos arquitectos como novos elementos ao diálogo. Suxestións arquitectonicas que propoñen barcos, redes, nubes, árbores, madeiras ou aceiro para integrar a fábrica no enclave natural da ría "todo pode ser repensado".
"Hai persoas que, case cada semana, lémbrannos que a fábrica foi condeada por uns feitos acaecidos hai 19 anos e cando lle pertencía ó Estado: aquela fábrica e a fábrica de hoxe non se parecen", dixo Antonio Casal. "En Ence somos inconformistas e consideramos que a autocrítica é unha medicina extraordinaria para non deixar de mellorar", concluíu o director de ENCE en Pontevedra.