Os forenses do crime da rozadoira detectan no acusado unha "diminución importante da súa capacidade de controlar os seus impulsos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O tribunal popular designado para xulgar o coñecido como crime da rozadoira da Cañiza reunirase o vindeiro luns 1 de abril de novo na Audiencia Provincial de Pontevedra para encarar a fase final do xuízo contra José Luis Vieitez, acusado de matar o seu veciño e tentalo coa filla deste en xuño de 2017.
O xuízo empezou o pasado luns 25 na Sección Segunda do tribunal provincial e, tras cinco sesións de probas, este venres deuse por concluído. Dadas as horas do fin da sesión, pasadas as 14.30 horas, o tribunal decidiu que se citaría ao xurado xa o luns, co obxectivo de que, tras entregarlles o obxecto de veredicto, se encerren a deliberar.
A sesión deste venres centrouse nas peritaxes psicolóxicas do acusado. A psicóloga e a psiquiatra que lle atenderon durante a súa estancia de máis de ano e medio na prisión da Lama relatan que José Luis Vieitez presentaba un trastorno adaptativo en reacción a unha situación concreta, un enfrontamento en 2015 co agora falecido no que recibiu un golpe cunha barra de ferro na cabeza.
Ademais, é unha persoa con "poucos recursos persoais e intelectuais" para facer fronte ao día a día e unha deterioración cognitiva leve. Xa na valoración psicolóxica realizada tras aquel incidente, e antes dos feitos que se xulgan, determinouse que tiña un "coeficiente intelectual baixo" e estas especialistas engaden que ten menos recursos que outra persoa para adaptarse a situacións estresante.s
O trastorno adaptativo, unido ao baixo coeficiente intelectual e a unha dor crónica que lle impedía durmir e afectaba o seu estado mental -esa situación mellorou tras operarse-, puideron influír, segundo estes especialistas, na súa reacción o día dos feitos. Así, este tipo de trastornos fan que unha persoa teña reaccións desadaptadas.
Respecto diso, matizaron que as persoas con este tipo de trastornos non reaccionan necesariamente de forma violenta, senón que a reacción é diferente "en función do individuo ou do contexto". No seu caso, déronse as circunstancias, pois é unha persoa con "trazos moi desadaptados de personalidade", que non é capaz de parar de pensar no mesmo de forma continua, mesmo con certos trazos "paranoides" que o levan a "pensar sempre que o outro lle vai a facer dano".
Este diagnóstico é compatible co de "estrés postraumático" que realizan outros forenses cuxos informes se achegaron á causa e tamén cunha persoa que "cognitivamente sabe o que fai" como no seu caso.
Ademais destes especialistas, tamén declararon dous forenses que determinaron que este trastorno adaptativo xa se remonta ao ano 2015, tras aquel episodio coa vítima, que lle levou a ter pesadelos recorrentes sobre a posibilidade dunha nova agresión e "ideación obsesiva". O día dos feitos, segundo o exame realizado por estes especialistas en base ao testemuño do acusado, esa sintomatoloxía que tiña na súa contra fíxolle reaccionar "de forma impulsiva, primitiva".
Así, segundo eles puideron concluír, reaccionou de forma violenta e un pouco primitiva como "defensa" ante a "posibilidade de volver ser agredido" polo agora falecido. Percibiu á súa vítima como unha persoa agresiva e "sentiuse ameazado". Aínda que recoñecen que esa ameaza que el percibiu non tivo que ser necesariamente real, aseguran que el "está convencido de que algo malo vai pasar".
A preguntas dos distintos avogados e do fiscal, os forenses recoñeceron que puido percibir "máis ataque do que é" e que mesmo hai posibilidade de que nin sequera se produciu unha agresión, provocación ou conversación previa, pero, en todo caso, insisten en que nesa reacción influíu o trastorno adaptativo e tamén que "as súas capacidades de controlar os seus impulsos están recortadas" e as súas capacidades intelectuais "mermadas".
"No momento dos feitos había unha diminución importante da súa capacidade de controlar os seus impulsos", indican. Non se trata dunha anulación, senón dunha diminución, segundo sinalaron os especialistas. Desta forma, confirman as teses da Fiscalía, que considera que ao acusado debe aplicárselle unha circunstancia atenuante da responsabilidade criminal por ese trastorno mental, pero non unha eximente completa. A súa avogada defensora si pide a eximente completa.
A súa avogada pide que sexa condenado a un delito de homicidio consumado e outro en grao de tentativa ou, subsidiariamente, a dúas de asasinato, pero engade que debe aplicárselle unha circunstancia eximente completa da súa responsabilidade. A Fiscalía pide que sexa condenado a 18 anos de cárcere por un delito de asasinato e outro de asasinato en grao de tentativa. A acusación particular tamén pide unha condena por dous asasinatos, un consumado e outro tentado, pero eleva a petición de condena a 40 anos, 25 polo primeiro e 15 menos un día polo segundo. O letrado rexeita a alteración mental e tamén o medo insuperable ao que fai referencia a defensa.
Relacionadas:
-
Confirman a pena de 17 anos de cárcere para o autor do crime da rozadoira
Por Redacción |
-
Condenado a 17 anos de prisión por asasinar o seu veciño cunha rozadoira na Cañiza
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |
-
O xurado declara culpable ao acusado do crime da rozadoira da Cañiza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A filla do falecido no crime da rozadora: "Sen mediar palabra, cortoulle a punta do nariz ao meu pai"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A defensa do acusado de matar o seu veciño cunha rozadoira alega que o invadiu "un profundo medo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un tribunal popular xulgará na Audiencia de Pontevedra o crime da rozadoira da Cañiza
Por Natalia Puga |