Comisións Obreiras anuncia mobilizacións contra o PSOE como "único responsable" da situación de ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Comisións Obreiras anunciou mobilizacións contra o Partido Socialista de Pontevedra ao que sinala como "único responsable" do cambio de criterio da Avogacía do Estado con respecto á prórroga concedida a ENCE para ocupar os terreos de dominio público marítimo terrestre en Lourizán.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes o secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, culpou ao PSOE local por "impulsar" esta decisión do Executivo de Pedro Sánchez.
Concretamente citou ao candidato á alcaldía Tino Fernández, a subdelegada do Goberno Maica Larriba e ao deputado Guillermo Meijón, aos que Pedro Sánchez con esta decisión respecto a a fábrica de celulosas estaría "a devolver un pago de favores" xa que eles foron "persoas que, na difícil situación que tivo, apoiárono".
García Pedrosa cualificou de "total covardía política" que o PSOE local non vaia "de fronte" e trate de "esconder unha decisión política" e non diga "a verdade" que, segundo Comisións Obreiras é que "queren pechar Ence en Pontevedra e destruír o emprego".
Para este sindicato este enfrontamento "demencial" coa industria "só vívese en Pontevedra" e débese á "persecución de políticos locais iluminados que están fóra da realidade".
Pedrosa expresou a "preocupación" existente no sindicato pola "situación complicada como seguramente nunca se deu, porque hai unha posibilidade real de verdade de que, unha vez que remate o proceso xudicial, se proceda ao peche de Ence aquí".
Despois do "traumático" fin da actividade da cloreira Elnosa "estamos moi sensibilizados" dixo García Pedrosa e por iso "non queremos que isto se repita e Pontevedra sexa un deserto industrial" o que "repercutiría de maneira gravísima" no resto de sectores xa que, segundo apuntou, o consumo que producen no comercio local os traballadores de Ence equivale ao orzamento do concello da capital.
Así, Comisións Obreiras anunciou que as mobilizacións que están a preparar para "este período de campaña electoral" terán "unha contundencia e unha participación moi masiva" para que a cidadanía de Galicia "visualice" cos traballadores "na rúa" o efecto que tería o peche da fábrica de Lourizán.
Relacionadas:
-
Os comités de empresa de Ence convocan unha concentración ante o Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
Transportistas de ENCE protestarán cunha caravana de camións
Por Oskar Viéitez |
-
Os empresarios aseguran que "defendiendo a ENCE defendemos la marca España"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
100 euros por cabeza para que o persoal de Ence entre na batalla xudicial sobre a prórroga
Por Redacción |
-
Os socialistas acusan a CC.OO. de difundir "perigosas mensaxes de odio"
Por Oskar Viéitez |