Dúas empresas compiten polas obras de renovación do céspede do campo de fútbol de Chan da Barcia
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas recibiu dúas ofertas de empresas especializadas para a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia e a colocación desta superficie sintética na pista municipal de pádel.
O Goberno local dá un novo paso para a renovación dun tapete instalado hai xa 13 anos e que foi recibido xa a comezos do mandato coa vida útil esgotada, ao tratarse dunha primeira xeración deste tipo de material sintético. Un deterioro que acelerouse, segundo o Concello, tanto polo "deficiente mantemento" como pola "intensiva utilización" ao ser sede Ponte Caldelas da única escola municipal de fútbol de toda a comarca.
Os trámites continuarán coa apertura nos próximos días do sobre coa documentación administrativa e, a continuación, coas ofertas económicas. A adxudicación realizarase en breve para que as obras podan comezar canto antes. O prazo de execución previsto, unha vez adxudicada e replanteada a obra, é de 28 días naturais.
O prego de condicións técnicas, elaborado por un enxeñeiro especialista, determina que o novo céspede debe ter unha duración estimada de 20 anos e fixa polo miúdo os requisitos que debe cumprir o material que se utilice, tanto no campo de fútbol como na pista de pádel, esta última dotada ata o de agora con superficie de cemento.
As obras consistirán no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.720 metros cadrados da nova alfombra, previa aplicación dunhas 40 toneladas de area de sílice e, finalmente, o reparto doutras 30 toneladas de caucho. A pista de pádel, pola súa banda, cubre outros 200 metros cadrados.