Ponte Caldelas licitará o servizo de axuda no fogar no último pleno do mandato

Por Redacción
Un último pleno municipal, que se celebrará nos próximos días, permitirá a Ponte Caldelas licitar o novo contrato do servizo de axuda no fogar.
O servizo, que atende na actualidade a 34 persoas maiores, depende dun contrato que actualmente está prorrogado e que se extingue o próximo día 30 de xuño, toda vez que a empresa adxudicataria xa confirmou a súa renuncia.
O custo actual é de 225.000 euros e vai ser licitado por 252.327,60 euros, é dicir cun incremento do 12% para cumprir a lexislación laboral en materia de salario mínimo das trece traballadoras e incrementar o número de horas de prestación.
O asunto debe ser aprobado en pleno ao incluír unha modificación orzamentaria que afecta a varias partidas, principalmente á de Cultura. Por este reforzo do SAF, un servizo que o goberno considera "absolutamente prioritario", suprimirase algún evento que tiña previsto celebrar en datas próximas.
O obxectivo é que o novo goberno que saia das urnas o 26 de maio, que previsiblemente xa terá tomado posesión o 30 de xuño, se atope cun novo servizo "correctamente adxudicado" e cunhas prestacións sociais acordes ás necesidades de Ponte Caldelas.
Este novo contrato permitirá a atención a persoas que están en lista de espera e, ademais, aumentar as horas de prestación de servizo máis alá das 1.067 mensuais actuais.
As traballadoras, pola súa banda, verán melloradas as súas condicións laborais, con salarios dignos, e se respectará o seu dereito á subrogación sen risco de interrupción temporal do servizo.
Relacionadas:
-
Unha empresa pontevedresa xestionará o SAF de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Tres empresas interésanse no servizo de axuda no fogar de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas licita o servizo de axuda no fogar con mellores condicións
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas xa ten orzamento
Por Olaya Madrigal |