Proban en Pontevedra drons para localizar incendiarios e detectar lumes nos montes
Por Redacción
Por primeira vez, o plan contra incendios da Xunta de Galicia contará con vehículos non tripulados. Trátase dunha serie de drons que apoiarán ás brigadas de investigación dos incendios forestais no seus labores.
A exhibición destes aparatos, que se celebrou na base de helicópteros do Campiño, contou coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, que puxo en valor o uso desta tecnoloxía para localizar incendiarios e mellorar a vixilancia preventiva, a detección e o apoio á extinción de lumes nos montes galegos.
González sinalou que grazas aos drons poderanse tomar imaxes, vídeos ou imaxes termográficas como apoio técnico durante as tarefas de extinción e remate de incendios forestais, “proporcionando información en tempo real para a toma de decisións por parte do director técnico de extinción”.
Ao tempo, o conselleiro tamén destacou o uso desta tecnoloxía para avaliar o cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nos predios afectados por incendios forestais, pois servirán para poder examinar as franxas secundarias dun xeito máis rápido e eficaz.
O responsable de Medio Rural tamén avanzou que nos anos 2020 e 2021 se van reforzar as brigadas de investigación con 23 novos axentes que se incorporarán nos distritos que rexistran máis incendios en Galicia. Ademais, explicou que se engadirán catro coordinadores nas diferentes provincias para que se poida realizar ese traballo de investigación.
No eido tecnolóxico, o conselleiro lembrou ademais que este ano se mellorou tamén a rede de vixilancia dos espazos forestais, coa incorporación de 30 novas cámaras que se suman ás 88 instaladas o pasado ano. Así, en total haberá 118 cámaras despregadas por toda Galicia que permiten monitorizar e ter controladas 1,8 millóns de hectáreas do territorio.
O dispositivo contará tamén cun sistema de alertas temperás en puntos estratéxicos do territorio que recollan observacións meteorolóxicas fiables, avaliando variables como a dirección e velocidade do vento, a temperatura, a humidade ou a pluviometría.