Detectan un condutor en Marín que circulaba tras consumir cocaína e co permiso retirado
Por Redacción
Axentes da Policía Local realizaban este xoves 25 de xullo un control preventivo na avenida de Ourense, ao redor das 08.00 horas, cando observaron como un vehículo circulaba a velocidade elevada en sentido Pontevedra. O turismo adiantaba a outro coche e a un grupo de ciclistas. Os axentes dábanlle o alto e observaron que o condutor realizaba signos que levantaban sospeitas de que consumira algunha substancia estupefaciente.
Ao comprobar a documentación do vehículo e do condutor, a Policía Local comproba que o home de 27 anos e veciño de Moaña ten retirado o carné de conducir desde xaneiro. Tras realizarlle a proba de detección de drogas, os axentes detectan que dá positivo en consumo de cocaína.
O mozo é trasladado a dependencias policiais onde se comproba que xa se lle retirou xudicialmente o permiso de conducir no ano 2013. Recuperárao tras realizar un curso de sensibilización e reeducación. Con todo no ano 2016, a DXT volvía retirarlle o carné por perda total dos puntos. Tras un novo curso de recuperación de puntos, o home fora condenado a outra retirada do permiso en xaneiro deste ano ata 2020.
A Policía Local de Marín tramitou un atestado por conducir un vehículo de motor sen permiso de condución por perda dos puntos e tamén presentaba unha denuncia administrativa por conducir un turismo tras inxerir drogas. O condutor deberá presentarse nos xulgados de Marín o vindeiro mércores 31 de xullo como investigado por un presunto delito contra a seguridade viaria.
RESOLUCIÓN DE CASOS DE DANOS EN TURISMOS
A Policía Local tamén logrou resolver catro de cinco accidentes nos que se presentaba denuncia na xefatura durante as festas do Carmen en Marín. Trátase de casos nos que se causaron danos en vehículos e os causantes déronse á fuga sen facilitar datos á parte contraria.
A gravación dunha cámara de seguridade, os datos de modelo e cor achegados por testemuñas presenciais como as marcas e restos de pezas abandonados no lugar permitiron aos axentes poder chegar a esclarecer estes sucesos. Nalgún dos casos, os danos situábanse preto dos 2.000 euros, segundo os datos facilitados pola Policía Local.
Dous dos accidentes foron causados polo mesmo vehículo en distintas datas e en dous lugares diferentes. Todos os condutores con responsabilidade nestes casos foron denunciados por non facilitar datos á parte contraria.