Andrés Díaz pide por terceira vez un encontro con Núñez Feijóo para desbloquear proxectos urbanísticos
Por Redacción
A construción dunha nova estación termal nos terreos do antigo balneario, as obras da PO-234 e a apertura da Casa de Quintián son os principais temas que o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), quere tratar co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Con todo, é a terceira petición que o rexedor lle envía ao mandatario autonómico no últimos tres anos sen obter aínda unha resposta.
Outro asunto de gran relevancia que o socialista desexa analizar co presidente é o proxecto de lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca. Díaz considera que este plan, a través do cal se podería tramitar o transvasamento do Verdugo ao Oitavén para asegurar o abastecemento da cidade de Vigo, é "innecesario, deficiente na súa redacción técnica e xerador de perda de garantías en materia administrativa e de augas".
No seu escrito, o mandatario caldelano fai un chamamento á "colaboración e entendemento institucional, que non só creo desexable, senón necesario". Con todo, lembra a Núñez Feijóo que durante a campaña electoral comprometeuse a ofrecer apoio financeiro para levar a cabo a execución do proxecto termal de Ponte Caldelas.
No referente ás obras da estrada, o Concello insiste na necesidade de aproveitar a segunda fase das obras deste vial para executar unha senda peonil e ciclista entre o centro da vila e o núcleo de Laxoso ao mesmo tempo que pide celeridade na posta en marcha da terceira fase de reforma dunha calzada de só seis quilómetros. Tamén se refire na misiva a urbanización da PO-180, un tramo dun quilómetro e medio que a Xunta cedeu ao Concello "sen acondicionar".
A apertura do chalé indiano da Casa da Quintán, restaurado hai unha década pola Xunta, é outra das demandas municipais, que desexa instalar alí un centro de día. Algo similar ocorre coa regulación urbanística da Central de Transportes, desde o Concello aseguran que, ao carecer da súa propia normativa urbanística, debe ser a Xunta a que autorice a execución do proxecto.
Finalmente, Andrés Díaz informa o presidente da Xunta da necesidade de reformar os colexios públicos da Reigosa e Cordo Boullosa, así como do arranxo dos pasos tradicionais de Taboadelo.
Relacionadas:
-
Andrés Díaz, "agradecido" polo desbloqueo da Central de Transportes de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Primeira xuntanza do novo goberno de Ponte Caldelas coa vista posta na estación termal e na atención ao rural
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas tilda de "pataleta infantil" as alegacións do PP ao proxecto do balneario
Por Redacción |
-
Augas de Galicia confirma a Ponte Caldelas o arquivo definitivo do expediente para o transvasamento do Verdugo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas xa ten a chave da capela do balneario co obxectivo de recuperala
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas celebra a rectificación da Xunta sobre o transvase do Verdugo
Por Redacción |
-
Augas de Galicia admite que 7 de cada 10 anos non hai auga suficiente para transvasar dende o Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
Un estudo de Augas de Galicia descarta o trasvase do Verdugo
Por Redacción |