Denunciados unha persoa e un vehículo e identificados tres máis por usar altofalantes e poñer música na rúa durante o sábado de 'peñas'
Por Natalia Puga & Diego Torrado & Mónica Patxot
O operativo especial de seguridade posto en marcha polo Concello de Pontevedra e o reforzo de medios realizado pola Policía Nacional durante este sábado 10 de agosto con motivo do día grande das Festas da Peregrina e a celebración das 'peñas' deixaron un balance positivo sen incidencias de gravidade, aínda que si pequenos sucesos que inclúen desde denuncias por uso de altofalantes no casco histórico a identificacións de menores levando bebidas alcólicas e asistencia a persoas mozas por intoxicación etílica.
A cidade estivo chea de xente desde media mañá, cunha asistencia masiva a todos os actos organizados durante a xornada, pero durante as primeiras horas non se produciron incidencias, senón que se concentraron na tarde e as primeiras horas da noite, fundamentalmente vencelladas á celebración das 'peñas'.
Algunha das actuacións que máis chaman a atención do balance facilitado polo Concello de Pontevedra están relacionadas co uso de altofalantes por parte das persoas que se sumaron á celebración das 'peñas'. Así, na avenida de Santa María a Policía Local denunciou unha persoa cun altofalante e retirou e denunciou un vehículo con música.
A maiores, identificaron outras tres persoas por usar altofalantes noutros puntos da cidade e os policías municipais identificaron dous menores portando botellas de alcol. Esas bebidas foron incautadas.
O Concello de Pontevedra despregou un amplo servizo de seguridade entre Policía Local, Protección Civil e servizo sanitario. Este último incluíu catro ambulancias de Cruz Vermella con persoal sanitario situadas estratexicamente en puntos de maior confluencia de persoas.
As estatísticas relativas aos servizos das ambulancias sinalan que houbo oito atencións na propia ambulancia, o traslado de dúas persoas por intoxicación etílica, a atención a tres persoas por cortes e o traslado dunha persoa por unha contusión.
A estes datos habería que sumar as actuacións realizadas por ambulancias do 061 e, segundo puido saber PontevedraViva, durante a tarde e as primeiras horas da noite recibiron atención alomenos cinco menores de idade por consumir alcol en exceso.
O Concello destaca que a pesar da multitudinaria presenza de persoas non se rexistraron incidencias de gravidade e insiste na ausencia de pelexas en toda a cidade.
Ademais, segundo a información facilitada, a Policía Local de Pontevedra levou a cabo varios controis de alcoholemia en horarios de mañá, tarde e noite nos que realizou máis de 400 probas e tan só se detectaron dous positivos en alcol e outros dous en consumo de drogas.
Relacionadas:
-
O goberno local non descarta instalar urinarios e reforzar a limpeza durante as peñas
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Os técnicos de emerxencias volven alertar do "insuficiente" dispositivo dos días de 'peñas'
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez |
-
Localizan un grupo de menores que fuxiu de Príncipe Felipe e foi de festa
Por Natalia Puga |
-
O bo tempo e o día grande das festas animan ás 'peñas' para volver a tomar as prazas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Operativos especiais da Policía Local polas touradas e as peñas
Por Redacción |
-
Carme da Silva asegura que moitos pais permiten aos seus fillos saír de peñas como premio polas boas notas
Por Oskar Viéitez |
-
Hostaleiros, indignados ante o "incivismo" dos días de 'peñas': "Hoxe Pontevedra non é Boa Vila"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |