Ana Miranda pide á Comisión Europea que vixíe a protección da Illa de Sálvora
Por Redacción
A eurodeputada galega Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, pediu este martes a intervención da Comisión Europea ante o risco que cre que corre a Illa de Sálvora, espazo incluído na Rede Natura, e manifestou a súa total oposición a que os lodos procedentes do dragado do Lérez se depositen na súa contorna, unha opción non confirmada oficialmente, pero que diversos colectivos aseguran que se está barallando.
Ana Miranda considera moi preocupante a situación dos espazos incluídos na Rede Natura, polo que insta á Comisión Europea a vixiar o cumprimento das directrices comunitarias en materia medioambiental e ao respecto da Directiva Marco da Auga.
A portavoz do BNG sostén que o perigo que corre a illa de Sálvora, unha área mariña protexida, "é un claro exemplo do desleixo das administracións cos diferentes espazos" galegos de gran riqueza ecolóxica, pesqueira e marisqueira e denuncia que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central autorizan o verquido de residuos de forma continuada neses espazos en lugar de protexelos.
A nacionalista afirma que "é hora de poñer fin a esta situación tan prexudicial" e pregúntase como é posible que en 20 anos as administracións galegas e estatal permitan acumular un monte de lodo e áridos de 25 metros de altura nunha área mariña protexida a só dúas millas da franxa de protección de Sálvora.
Na súa opinión, é unha "total irresponsabilidade" non só desde o punto de vista medioambiental, senón tamén económico, xa que están en xogo centos de postos de traballo do sector marisqueiro, pesqueiro e turístico dun espazo tan produtivo.
Para Miranda, é "indispensable" a actuación da Comisión Europea, pois a única esperanza está nas decisións que se adopten en Bruxelas. De feito, lembra que a Comisión de Peticións reabriu a denuncia sobre a Ría do Burgo e a Ría de Vigo e posibilitou a comparecencia dos representantes da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e o patrón maior da Confraría da Coruña para explicar a falta de saneamento integral destes espazos.
Relacionadas:
-
"Dragaxe si pero non así", claman APDR e Ecoloxistas en Acción
Por Diego Espiño |
-
Os lodos da dragaxe do Lérez depositaranse nun dos puntos autorizados en 1998, segundo a Xunta
Por Manu Otero |
-
O Parlamento insta á Xunta a buscar unha proposta "alternativa e sustentable" para depositar os lodos que retiren do Lérez
Por |