O centenario Liceo Casino de Marín di adeus coa entrega da súa sede ao Concello
Por Oskar Viéitez
Finalizado o proceso de liquidación da sociedade, a Comisión Xestora do Liceo Casino de Marín, celebrará o vindeiro venres, día 23 de agosto, unha simbólica asemblea nos locais da propia sociedade.
Lembremos que estas instalacións foron vendidas ao Concello de Marín, segundo o acordado pola masa social.
Segundo informou a presidenta desta comisión xestora, Consuelo Álvarez Pérez, nesta asemblea levará a cabo o acto de traspaso simbólico da propiedade da sede á alcaldesa de Marín, María Ramallo, en nome do Concello.
Ademais entregaranse os correspondentes cheques do montante de diñeiro recibido pola venda ás entidades de carácter social de Marín.
Desde a comisión xestora expresaron o seu desexo de que este acto conte coa maior presenza dos socios posible para "compartir este significativo momento que pon fin á centenaria traxectoria do Liceo Casino en beneficio do poboo marinense".