A Policía Local identifica a tres menores por actos vandálicos no Paseo de Silgar

Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Sanxenxo identificou aos responsables de causar danos en mobiliario urbano e varios vehículos estacionados no Paseo de Silgar.
Os feitos tiveron lugar o pasado luns 19 de agosto, ás 4.30 horas, momento no que os axentes municipais recibiron unha chamada alertando dun grupo de tres mozos que se dirixían pola beirarrúa cara ao Porto Deportivo, golpeando coches e papeleiras tirando o lixo no carril de circulación.
O veciño que realizou a chamada fixo unha descrición física dos tres mozos que axudou para a súa identificación posterior.
Os tres rapaces, menores de idade, con domicilio en Madrid, permaneceron custodiados polos axentes ata ser entregados aos seus titores legais. O caso foi denunciado no xulgado.