A Xunta aproveitará o verán para acometer a segunda fase da reforma do colexio Froebel
Por Oskar Viéitez
A Xunta aproveitará as vacacións educativas do verán para acometer unha nova fase de obras no colexio Froebel de Pontevedra.
Nun correo electrónico enviado pola asociación de pais de alumnos do centro infórmase que esta segunda fase xa comezou e que afecta á zona de infantil e á de administración.
Os traballos para mellorar o colexio e, sobre todo, evitar as inundacións e goteiras que presenta o edificio cada vez que chove, comezaron en outubro de 2012. A actuación irá máis alá da substitución da cuberta. Segundo explicou o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, trátase dunha reforma integral, na que se investirán 1.852.000 euros. Esta segunda etapa das obras afectará ás clases de Infantil, que se instalarán en aulas provisionais no patio, e á torre grande próxima a Belas Artes, cun presuposto de 400.000 euros.
Dende o departamento que dirixe Jesús Vázquez apuntouse que as obras se realizarán en bloques verticais para que non sexa necesario pechar o colexio totalmente, limitando a realización dos traballos aos meses de verán.
Haberá ademais unha terceira fase que actuará na fronte que dá a Xeneral Martitegui e na cuberta do patio, onde se mellorarán os revestimentos e se cambiará o pavimento dos corredores.
Relacionadas:
-
O concelleiro de Educación traslada ao conselleiro a súa preocupación pola 'lenta reforma do Froebel'
Por Oskar Viéitez |
-
Educación desbota novos colexios en Pontevedra porque cos actuais "están cubertas todas as necesidades"
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta certifica que os alumnos do Froebel están seguros
Por Oskar Viéitez |
-
O luns arrancan as obras no colexio Froebel
Por Oskar Viéitez |