A Fundación Amancio Ortega financiará a futura residencia da terceira idade de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Fundación Amancio Ortega financiará a construción e dotación de equipamento da futura residencia de terceira idade pública de Pontevedra.
Así o deu a coñecer este venres a propia Fundación. A súa vicepresidenta primeira, a esposa de Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, asinou un convenio coa Xunta de Galicia polo que asumen a posta en marhca de sete Centros de Atención Integral a Persoas Maiores nas sete principais cidades galegas: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
Segundo a información facilitada pola Fundación creada polo fundador de Inditex, financiarán a construción do inmoble que acollerá a futura residencia e dotarano co seu equipamento completo, para a súa posterior integración na rede pública autonómica de atención a maiores.
O investimento estimado inicialmente pola Fundación para o desenvolvemento deste proxecto é de 90 millóns de euros para os sete centros, sen que se detallou aínda que fondos serán para Pontevedra. Si se deu a coñecer que esa futura residencia da cidade do Lérez terá 120 prazas residenciais.
En total, os sete centros ofrecerán 900 prazas residenciais e permitirán a creación de máis de 800 empregos directos. Todos os centros contarán con servizos innovadores como unidades psicoxeriátricas especializadas no tratamento do Alzhéimer e outras patoloxías similares.
A Fundación anunciou que financiará un centro en Pontevedra, pero non cal. En todo caso, todo apunta a que, en realidade, pagará a residencia que a Xunta de Galicia ten proxectada nunha parcela de 3.600 metros cadrados da zona da Parda cedida polo Concello de Pontevedra. É o único proxecto da rede pública existente na cidade e coincide o número de prazas proxectado: 120.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, deu a coñecer nunha visita a esa parcela este verán que xa se empezou a redactar o anteproxecto, de cuxa financiamento, segundo este último convenio, asumirá Amancio Ortega.
Este venres, durante a sinatura do convenio, Feijóo destacou que o mecenado da Fundación permite descargar ás arcas públicas dun importante investimento, cuxa contía seguirá encadrada no ámbito social, pero poderá reorientarse a outros fins.
Feijóo gabou o compromiso social da Fundación Amancio Ortega, que xa financiou a construción de seis escolas infantís públicas, dous centros interxeracionais en Ourense e Arteixo, e a nova sede da Real Institución Benéfico-Social Padre Rubinos na Coruña, e fixo importantes doazóns á diagnose e tratamento do cancro nos hospitais públicos, entre outras actuacións. A colaboración entre a FAO e a Xunta é "unha mostra da vocación altruísta que late no seo da sociedade galega, tanto no sector público como nas súas entidades privadas", indicou.
En canto ás sete futuras residencias públicas, o presidente galego apuntou que ofrecerán unha atención asistencial con vocación de excelencia, que as levará a ser as mellores de Europa, nuns edificios deseñados polo estudio galego Elsa Urquijo Arquitectos.
O vicepresidente executivo da Fundación Amancio Ortega, José Arnau, agradeceu en nome da institución a confianza depositada nela, e subliñou a importancia de colaborar co maior esforzo posible para mellorar a calidade de vida das persoas maiores.
Relacionadas:
-
A futura residencia da Fundación Amancio Ortega, xa perimetrada, estará lista en 18 meses
Por Natalia Puga |
-
Política Social pide "máis axilidade" ao Concello para as obras das residencias Campolongo e a de Amancio Ortega
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A futura residencia de maiores non se construirá na Parda
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- Vilanova dedicará rúas a Amancio Ortega, á Garda Civil, ao Exército ou aos sanitarios
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma integral da residencia de maiores de Campolongo, prevista para 2020
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A nova residencia de maiores da Parda custará máis de dez millóns de euros
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A nova residencia de maiores construirase na Parda
Por Alejandro Espiño |