O alumnado pontevedrés, protagonista das protestas con motivo da folga mundial polo clima
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/300/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d88b1f16f-20190923-saiz-concello-presentacion-actividades-efecto-po2-0002.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2c3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d88b20c4b-20190923-saiz-concello-presentacion-actividades-efecto-po2-0001.jpg)
© Cristina Saiz
A Federación Provincial de Anpa de Centros Públicos de Pontevedra (Fanpa), a Federación de asociacións de veciños Castelao e o Concello de Pontevedra sumaranse este venres á concentración convocada pola Rede de Escolas Asociadas á Unesco ás 12.00 horas na praza da Peregrina con motivo da folga mundial polo clima.
Trátase dunha protesta na que o protagonismo será para o alumnado dos centros escolares pontevedreses, pero á que están convocados todos os colectivos e a veciñanza que o desexe.
A protesta implicará a lectura dun manifesto que están a elaborar alumnos de centros da Rede de Escolas Asociadas á Unesco e está previsto que asistan estudantes de distintos centros, en especial dos ubicados no centro de Pontevedra. No resto, haberá actos de protesta á mesma hora nos patios dos colexios, polas dificultades de desprazamento en horas lectivas.
As coordinadoras estatal e galega da Rede, Luisa Márquez e María Jesús Enguídanos, explicaron que esta convocatoria ten un "significado especial" para as Escolas Asociadas á Unesco, que levan 20 anos traballando por un mundo máis sustentable e buscan una educación transformadora e sustentable.
Luisa Márquez insiste en que "o cambio climático xa se produciu", pero "agora temos que loitar contra os efectos" e pide ao Concello de Pontevedra que faga visible todo o traballo que xa está a facer neste eido e para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e a Axenda 2030.
María Jesús Enguídanos indicou que os centros educativos están a facer moito traballo nas aulas para contribuír a concienciar e visibilizar a situación de emerxencia climática, con actividades todos os días, e Rogelio Carballo, presidente da Fanpa, deu a coñecer que desde a federación se potenciará que as súas actividades habituais se fagan con enfoque cara a este tema, co obxectivo de chegar ao alumnado e tamén ás familias e que toda loita polo clima "non se quede nunha mera manifestación".
Esta protesta intégrase na programación posta en marcha polo Concello de Pontevedra dentro do programa Efecto PO2.
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, indicou que se trata dunha acción directa na loita contra a emerxencia climática e dunha aposta pola mobilización, visiblización e protesta enérxica para lograr que as institucións se impliquen na loita polo clima e as persoas tomen conciencia de que está nas súas mans contribuír a mellorar o rumbo actual.
Relacionadas:
-
260 estudantes presentan os seus traballos no VIII encontro de escolas asociadas da Unesco
Por Redacción |
-
'Coa auga ao pescozo' na Illa polo cambio climático
Por Redacción |
-
Pontevedra, en folga polo clima: "Estamos a saltarnos as nosas clases para darvos a vós unha"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Amplo abano de actos durante este venres con motivo da emerxencia climática do planeta
Por Redacción |
-
O CSIC mostrará a gravidade da emerxencia climática nos institutos de Pontevedra
Por Almu Dapena |
-
O Observatorio Urbano fará un estudo actualizado do efecto do modelo de cidade na calidade do aire
Por Natalia Puga |